Unha vintena de persoas participan en “Conversas coa Xuventude” para debater sobre o Deporte guardés
“Conversas coa Xuventude” nace co obxectivo de crear un espazo de encontro entre a xuventude da localidade e o goberno local
Os concelleiros Elena Baz Rodríguez e Manuel Javier Crespo González, participaron nesta nova edición de “Conversas coa Xuventude”
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O venres, día 13 de novembro, celebrouse na Casa dos Alonso, unha nova xuntanza de “Conversas coa Xuventude”. Nesta ocasión, os convidados foron os atletas Sergio Rodríguez, Alberto Pena e a súa filla, Elsa Pena Vicente e o tema protagonista, o deporte.
A sesión comezou coa presentación dos convidados por parte da Concelleira de Xuventude, Elena Baz, quen non dubidou en salientar algúns dos premios acadados polos atletas.
O primeiro en tomar a palabra a palabra foi Sergio Rodríguez, quen contou aos presentes como comezou no mundo do deporte, a súa traxectoria no atletismo e a maneira de compaxinar estudos e deporte e agora a vida laboral co atletismo.
Despois foi a quenda de Alberto Pena e Elsa Pena, os que, intercalando a palabra, contaron os inicios da xove no mundo do atletismo e do tríatlon. Alberto Pena falou do valor de facer deporte coma opción de vida saudable, non coma profesión. Elsa Pena, de maneira moi natural, contou a cantidade de deportes e actividades que probou para, finalmente decidir practicar o atletismo e a natación.
Concelleiros e deportistas no encontro que tivo lugar na Casa dos Alonso
Tras estas primeiras presentacións comezou o debate entre todos os presentes. Así, se falou "sobre a complexidade de vivir do deporte e das poucas axudas institucionais aos deportistas, da necesidade de potenciar o deporte base, sobre as instalacións deportivas guardesas ou sobre o doping nas diferentes disciplinas, sobre todo, no ciclismo".
Foi moita a participación nesta xuntanza que durou case dúas horas. O final da charla Elena Baz fixo entrega duns agasallos conmemorativos aos convidados.
“Conversas coa Xuventude” nace co obxectivo de crear un espazo de encontro entre a xuventude da localidade e o goberno local. Xa hai máis citas programadas que se farán públicas nos próximos días, afirmaron desde o executivo municipal do Concello de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario