11 de nov. de 2015

A GUARDA

O BNG insta ao alcalde a investir a totalidade dos 216.464€ da Deputación na urbanización da rúa Calvario   

Ángel Luis Baz Vicente (concelleiro portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda): “O Goberno de Antonio Lomba discrimina aos veciños de varias vivendas”   

Ángel Luis Baz Vicente, concelleiro portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda


Infogauda / A Guarda


 "O BNG considera que no proxecto de urbanización para a rúa O Calvario debera primar as melloras do mesmo máis que o aforro", esa é a primeira valoración de Ángel Luis Baz Vicente, concelleiro portavoz do BNG no Concello de A Guarda.

 Para os nacionalistas "os 161.000€ cós que finalmente se licitou a obra, quedan moi lonxe dos 216.464€ aprobados pola Deputación",  polo que o portavoz municipal do BNG non dubida en cualificar esta licitación de “preocupante” e insta ao alcalde Antonio Lomba Baz a investir a contía inicial aprobada e garantir así que este novo tramo non se converta no "campo de minas" no que quedou a primeira fase desta rúa do casco histórico de A Guarda. 

 O BNG cualifica esta baixada do prezo da obra de "despropósito socialista", aludindo que "unha vez máis o goberno de Antonio Lomba discrimina aos veciños de tres vivendas". 

 “Os prexudicados corresponden aos números 18, 20 e 22 que ven como nas súas portas a rúa vai en formigón mentres que no resto, o firme vai en pedra. Cando por falta de cartos non é”, sinala Ángel Baz. 

 "Dende o BNG non topamos motivos que xustifiquen tal xeito de urbanizar cando o orzamento da Deputación debera garantir calidade nos materiais e na execución da obra, sabendo que a lei obriga á devolución dos preto de 55.000€ restantes á Deputación sen poder investilos en calquera outra rúa da Guarda", conclúe Baz Vicente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario