Preséntase un pack gourmet coa marca A Cabeciña para axudar á posta en valor do castro oiense
- Este venres 16 de outubro preséntase o Pack Gourmet da Cabeciña en Baiona.
- O acto terá lugar ás 19:00 na cervexería La Micro na Praza de Abastos de Baiona e consistirá na presentación do produto seguida dunha degustación de conservas e cervexa A Cabeciña.
- Parte dos beneficios irán destinados ao proxecto Costa dos Castros, no que se engloba a xestión da Cabeciña, un castro e conxunto de petróglifos en Mougás, Oia.
Na imaxe unha mostra dos productos do packgourmet A Cabeciña
Foto: Costa dos Castros
Úrsula Neilson / Oia
O proxecto Costa dos Castros segue a poñer en marcha iniciativas para dinamizar o turismo e a posta en valor da costa sur de Galicia. Desta volta presenta un packgourmet elaborado con produtos de varias empresas da zona coordinadas pola conserveira Chanquete.
Entre os produtos incluídos no pack están unha lata de pochas con mexillón e alga wakame e outra de pementos recheos de chanquetes elaboradas por Conservas Chanquetes, dúas cervexas A Cabeciña elaborada por Trisk-Ale, o viño Vimbio con D.O. Rías Baixas, subzona O Rosal, mirabeis en conserva da Rosaleira, unha botelliña de aceite de oliva virxe premium de Aceites Abril e un licor café de Habelas Hailas.
“Gastroarte”
Ademais, existe un elemento que fai diferente este pack doutros produtos semellantes: o concepto “gastroarte”. Cada unha das caixas incluirá unha didigrafía numerada do artista ourensán Manolo Ebra. A obra foi realizada ex professo polo autor para este proxecto e representa unha vista da paisaxe dende o castro da Cabeciña.
A obra orixinal sobre a que se fixeron as didigrafías será doada polo artista Manolo Ebra ao proxecto Costa dos Castros.
Os packs gourmet A Cabeciña
Os paquetes gourmet serán distribuídos en dous formatos: pequeno e grande. O grande incluirá todos os produtos citados coa didigrafía a un prezo de 79€ e o pequeno incluirá, ademais da didigrafía, as dúas conservas gourmet deConservas Chanquetese dúas botellas de cervexa A Cabeciña, a un prezo de 45€.
Segundo Manuel Fernández, de Conservas Chanquete, “o produto terá basicamente dúas canles de distribución. A primeira sería como souvenir para visitantes e turistas á zona da Costa dos Castros e a segunda como agasallo, tanto para que empresas agasallen aos empregados noNadal, por exemplo, como para agasallo entre particulares”.
Moito máis que financiamento
Parte dos beneficios irán destinados á Costa dos Castros e A Cabeciña, para poder seguir escavando e poñendo en valor. “Encaixa perfectamente na filosofía do proxecto, a de buscar novas formas de financiamento en arqueoloxía”, sinala Xosé Gago, coordinador de Costa dos Castros.
Vista desde o xacemento arqueolóxico da Cabeciña
Foto: Costa dos Castros
“Xa estamos a levar a cabo unha campaña de crowdfunding por exemplo, e os elaboradores da cervexa A Cabeciña, de Trisk-Ale, xa están a doar parte dos seus beneficios ao proxecto. Trátase de dar voltas e probar accións que poidan axudar a facer autosostible un proxecto, que nace das Comunidades de Montes e conta co apoio do Concello de Oia” explica Gago.
Pero o fin último non é só o do financiamento, senón tamén que sirva de detonante para crear unha cooperativa de produtores locais coa marca A Cabeciña. A Comunidade de Montes de Mougás xa ten rexistrada a marca e só falta que produtores locais se animen a formar parte.
Como sinala Venancio Miniño, presidente da C.M.M. de Mougás, “na zona xa temos xente que está a producir mel ou pementos envasados, trátase de darlle unha saída comercial a eses produtos e aos doutros produtores que se queiran incorporar. Nós poñemos as bases para que a xente poida buscarse unha forma de vida”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario