19 de out. de 2015

GALICIA

Medio Ambiente impulsa un curso de formación de guías no Parque Nacional das Illas Atlánticas 

Trátase dunha actividade formativa gratuíta, que comezará a súa fase presencial o próximo día 21 e que se desenvolverá nos arquipélagos de Cortegada, Ons e Cíes 

Seleccionáronse un total de 50 alumnos a través dunha convocatoria pública 
  
Dunas e praia de Rodas, nas Illas Cíes
Foto: Infogauda

Infogauda / Santiago

 O próximo día 21 comeza no arquipélago de Cortegada a fase presencial do curso de “formación de guías na rede de Parques Nacionais”, que continuará o xoves en Ons, e o venres en Cíes. Este curso realízase grazas á colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN).  

 Así, o OAPN encargouse da formación en liña, e o Parque Nacional das Illas Atlánticas da parte presencial.  

 A fase presencial deste curso, que se prolongará ata o próximo día 23, é de carácter gratuíto e contará cun total de 50 alumnos, todos eles seleccionados a través dunha convocatoria pública.  

 Durante os próximos días, os participantes formaranse en diversos aspectos de interese relacionados coa mellora do patrimonio natural e a biodiversidade. Por exemplo, coñecerán as distintas redes de espazos protexidos existentes a nivel estatal e europeo, ou afondarán na lexislación e normativa que afecta ao Parques Nacionais. 

 Ademais, tamén se lles facilitarán recursos e coñecementos relacionados co uso público dos espazos protexidos.  

 A principal mensaxe que se busca transmitir a través desta actividade formativa é recordar que a protección dos espazos e especies pode contribuír ao benestar tanto das persoas que os habitan, como dos turistas que se achegan a visitalos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario