22 de out. de 2015

CULTURA

Xosé Leal reúnese con representantes do Museo do Pobo Galego 

Solicitan colaboración para os actos de conmemoración do centenario da fundación das Irmandades da Fala 

O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, co presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi González, e co presidente da Xunta Reitora, José Manuel González Reboredo

Infogauda / Pontevedra

 O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, mantivo esta mañá unha xuntanza co presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi González, e co presidente da Xunta Reitora, José Manuel González Reboredo. O obxectivo da reunión era presentarlle ao deputado provincial  de primeira man o traballo e o funcionamento desta institución museística, da que a Deputación de Pontevedra forma parte do Padroado.  

 Os representantes do Museo do Pobo Galego solicitaron, no transcurso da xornada, apoio e colaboración por parte da Deputación de Pontevedra para os actos de conmemoración do centenario da fundación das Irmandadades da Fala, previstos para o ano 2016. Unha colaboración que o deputado de Cultura estudará nas vindeiras datas.  

 A nivel provincial, o Museo do Pobo Galego ten na actualidade presenza a través do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, xa que na presente edición premiou dous proxectos de sendos centros escolares de Vigo e Silleda. Este galardón recoñece os esforzos da comunidade escolar en eidos como a educación patrimonial, o coñecemento da lingua e a posta en valor do patrimonio etnográfico, antropolóxico e histórico. Na edición 2015, resultou premiado, na modalidade de ensino primario, o CEIP O Pombal, de Vigo, polo seu traballo 'Lavadores. Pasado e presente da nosa parroquia', no que o alumnado tratou de recuperar a memoria local do seu contorno inmediato, con especificidades históricas propias. Na modalidade de Ensino Secundario, foi premiado o IES Pintor Colmeiro de Silleda, polo seu proxecto 'A paisaxe lendaria e toponímica do concello de Silleda', no que o alumnado buscou e recuperou as raíces lendarias, tradicionais e históricas dos nomes dos lugares do Concello. Ambos traballos están actualmente expostos no Museo do Pobo Galego ata o 15 de novembro. 

 O Museo do Pobo Galego tamén é a institución que acolle en depósito a biblioteca dunha figura fondamente relacionada con Pontevedra como é Alexandre Bóveda, e a do escritor nacido en Tui Xosé María Álvarez Blázquez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario