22 de out. de 2015

CULTURA

Turismo Rías Baixas acolle un curso sobre a pegada dos templarios na provincia de Pontevedra 

O deputado delegado de turismo, Santos Héctor, deu a benvida ós máis de 60 participantes e destacou a importancia do turismo temático para a desestacionalización da demanda do destino Rías Baixas

O deputado provincial delegado de turismo, Santos Héctor, foi o encargado de dar a benvida ós máis de 60 participantes no curso


Infogauda / Pontevedra

 Entre os días 22 e 24 de outubro de 2015 a sede de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza acolle o curso "A pegada dos templarios na provincia de Pontevedra", dirixido a guías especializadas de Galicia, técnicas e técnicos de turismo e público do sector turístico en xeral.  

 O deputado provincial delegado de turismo, Santos Héctor, foi o encargado de dar a benvida ós máis de 60 participantes no curso, destacando a importancia do turismo temático para a desestacionalización da demanda turística do destino Rías Baixas e subliñando o enorme interese que os símbolos templarios, dos que hai boa mostra na provincia de Pontevedra, espertan entre os visitantes. Pero non so entre os turistas hai interese na temática templaria e así, Santos Héctor, destacou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, escribiu  un libro sobre a materia titulado "La elipse templaria".  

 Durante a xornada do 22 de outubro tivo lugar un relatorio a cargo de Beatriz Cebrián Ramos, Licenciada en Xeografía, Historia e Arte, sobre a historia e lenda dos templarios así como sobre os templarios en Galicia e na provincia de Pontevedra, facendo fincapé na mística e simboloxía.  

 O 23 de outubro, os participantes no curso realizarán visitas in situ a espazos relacionados coa pegada dos templarios na provincia de Pontevedra entre os que atopamos Oia e Baiona.  

 A última das xornadas terá lugar o sábado 24 de outubro e nela participará o xornalista, director de culturagalega.org, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e editor da bitácora "Capítulo 0: Las órdenes religiosas en Galicia en la Edad Media: sus Monasterios", Manuel Gago Mariño. Para rematar o curso terá lugar unha visita á Igrexa de Castrelos de Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario