A Deputación de Pontevedra subvenciona catro autobuses para asistir gratuitamente á marcha contra as violencias machistas
A marcha contra as violencias machistas terá lugar o vindeiro 7 de novembro en Madrid
Infogauda / Pontevedra
"A Deputación de Pontevedra está especialmente sensibilizada na loita contra a violencia machista, sobre todo tras un dos veráns máis sanguentos para as mulleres", así o fixo público o executivo da corporación provincial. Por este motivo, e debido á organización o vindeiro 7 de novembro dunha marcha en Madrid contra as violencias machistas, a institución provincial subvencionará catro autobuses para que todas as pontevedresas e pontevedreses interesados poidan participar.
Os catro autobuses gratuítos sairán de Vigo (6 de novembro, ás 24:00 h, da praza dos Cabalos), Pontevedra (6 de novembro, ás 23:30 h, da Alameda), Vilagarcía de Arousa (6 de novembro, ás 23:30 h, do aparcadoiro da zona TIR) e Caldas- Ulla/Umia (6 de novembro, ás 21:30 h, desde a estación de autobuses de Lalín, 22:00 h desde a marquesiña de autobuses de Silleda, 22:30 h xunto ó Concello da Estrada, 22:45 h xunto ó semáforo de Cuntis e 23:00 h desde as palmeiras de Caldas). As persoas interesadas en participar na marcha contra as violencias machistas do vindeiro 7 de novembro en Madrid deberán reservar a súa praza, ata o 3 de novembro, solicitando información nos seus respectivos concellos.
"A Deputación de Pontevedra manifesta o seu apoio á Plataforma Feminista Galega, parte organizadora da marcha do 7 de novembro, xa que considera que as violencias machistas deben ser tratadas como cuestión de Estado, figurando no centro dos debates e as axendas políticas.
Neste sentido, cómpre destacar que o novo goberno institucional puxo en marcha, por vez primeira na Deputación de Pontevedra, un servizo de igualdade desde o que se promoverán políticas de sensibilización contra o sexismo nos diferentes eidos, impulsando a súa erradicación, evitando a segregación así como o acoso e os estereotipos sexuais, pero, sobre todo, loitando contra as violencias machistas".
Ningún comentario:
Publicar un comentario