13 de out. de 2015

A GUARDA

O ALCALDE PIDE COLABORACIÓN E IMPLICACIÓN DAS ASOCIACIÓNS PARA MANTER A GUARDA COMO CABECEIRA DA COMARCA NO COMERCIO

Na Mesa Local de Comercio falouse sobre a reforma e regulamento da Praza de Abastos e a Programación do Nadal


A reunión da Mesa Local de Comercio tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de A Guarda e estivo presidida polo Alcalde Antonio Lomba Baz
Fotos: C. A.G.


Infogauda / A Guarda

 Na mañá do martes día 13 de outubro, celebrouse no Salón de Plenos do Concello da Guarda, a Mesa Local de Comercio. Neste encontro, que estivo presidido polo alcalde guardés, Antonio Lomba Baz, estiveron presentes os concelleiros Elena Baz Rodríguez, Paulino Rodríguez González, Montserrat Magallanes Álvarez e Mª Teresa Vicente Baz, ademais de representantes de ACIGU e MercaGuarda. 

O alcalde e varios concelleiros do executivo municipal do Concello de A Guarda          

 O alcalde foi o primeiro en falar. Nesta primeira intervención Antonio Lomba, solicitou a colaboración de comerciantes e asociacións para que A Guarda siga manténdose como cabeceira da comarca no que o Comercio se refire. “Temos que tirar todos do mesmo carro. A complicidade entre o Concello e o comercio local é fundamental”, afirmou o alcalde. 

 Respecto a cuestión da reforma e regulamento da Praza de Abastos do municipio, a concelleira responsable, Montserrat Magallanes, solicitou, unha vez máis, a implicación de ACIGU e MercaGuarda animándolles a aportar ideas e suxerencias. 

Na imaxe, os representantes de MercaGuarda e de ACIGU que participaron na reunión da Mesa Local de Comercio

 No que se refire a organización do Nadal, a concelleira de Cultura, Elena Baz, informou aos representantes das asociacións da programación prevista para estas datas. Elena Baz solicitou a súa colaboración e axuda para costear o alumeado e o son para as rúas. Neste punto, os representantes de ACIGU e MercaGuarda comprometéronse a consultar coas súas respectivas xuntas directivas e asociados sobre esta posible colaboración. 

 A concelleira de Cultura tamén explicou que a programación do Nadal da Guarda estaba deseñada para conseguir que a todos os veciños da comarca lles resultase atractivo achegarse a esta localidade para mercar. 

 O alcalde da Guarda pechou a Mesa Local de Comercio comprometéndose a ter unha reunión con todos aqueles comerciantes que poidan estar afectados polos proxectos das rúas Concepción Arenal e Manuel Álvarez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario