24 de set. de 2015

GONDOMAR

Inaugúrase “Auga e lume”, de Alberto Casuso na Aula de Cultura Ponte de Rosas

Será este venres 25 de setembro ás 20:30 horas

O artista Alberto Casuso xunto a unha das súas obras

Álvaro Peralta / Gondomar

 Este venres 25 de setembro ás 20:30 horas terá lugar a inauguración de "Auga e lume", do plástico Alberto Casuso. A mostra será presentada polo artista Ramón Trigo na Aula de Cultura Ponte de Rosas, sede do Instituto de Estudos Miñoranos, na Avenida da Feira nº 10, baixo, Gondomar.

 A exposición permanecerá aberta ao público de luns a venres de 19 a 21 horas até o 20 de novembro. Trala presentación compartirase unha copa de viño e unhas roscas co autor da obra, xentileza da Adega Terras Gauda e a Panadería Copena de Gondomar.

Alberto Casuso 

 Estudou  Historia da Arte en Santiago para logo radicarse temporalmente en Madrid onde  se especializa  no mundo da restauración de mobles e obxectos de arte.

 Traballou na dirección de produción nunha empresa dedicada ao desenvolvemento de mobiliario integral para espazos industriais, tanto públicos como privados. 

 Posteriormente perfeccionouse  na rehabilitación de cubertas e artesoados de madeira en edificios de patrimonio nacional e montou unha carpintería como apoio a eses labores.

 “A crise é a crise, e deume a oportunidade de comezar a crear outro tipo de arte que sen crise nunca habería ter tempo de realizar e ata hoxe” sinala o artista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario