O pleno aprobou a moción do BNG sobre o novo hospital de Vigo
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz nacionalista na Corporación Municipal do Concello de A Guarda: “O BNG considera unha aberración o que está a suceder co novo hospital: teitos caídos, ratos no complexo, falta de material, (...)”.
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz do BNG na Corporación Municipal do Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
A moción nacionalista sobre o novo hospital de Vigo foi aprobada por maioría cos votos en contra do PP.
A moción presentada polo BNG demanda "á Xunta de Galiza a posta en marcha dun hospital 100% público para o conxunto da Área Sanitaria de Vigo, na que a Guarda está incluída. Tamén demanda das autoridades competentes a posta en marcha de transporte público específico para o acceso ao hospital que garanta un sistema de transporte coordinado e intermodal, máis aló dos concellos onde residan as usuarias e usuarios".
"A día de hoxe - sinala Ángel Luis Baz Vicente, portavoz do BNG na Corporación Municipal do Concello de A Guarda -, o transporte entre A Guarda e o novo hospital é incoherente e claramente insuficiente, coa actual combinación de buses, a partir das 11 da mañá non se pode acceder ao complexo hospitalario".
Para o BNG "estamos ante unha escandalosa privatización dunha infraestrutura que no seu momento estaba presupostada con cartos 100% públicos cun custo de 400 millóns de €. Hoxe temos un hospital cunha adxudicación a unha empresa privada que custa 1.300 [millons de] €, iso sí, cunha redución de 620 camas".
“Chega a tal nivel a obsesión do PP por facer negocio coa saúde, que tanto usuarios e usuarias como as persoas que traballan no hospital teñen que pagar o aparcamento, sen alternativa gratuíta”, sinalou Ángel Luis Baz.
Ángel Luis Baz sinala que "o acordo [adoitado pola Corporación Municipal de A Guarda] tamén inclúe o apoio a manifestación convocada pola Xunta de Persoal do SERGAS e co apoio de SOS Sanidade Pública que se vai celebrar o próximo 3 de setembro ás 20:00 h diante do Hospital Xeral, na rúa Pizarro de Vigo".

Ningún comentario:
Publicar un comentario