28 de xul. de 2015

PONTEVEDRA

Carmela Silva estima que o novo fondo local estará dotado duns 40 millóns de euros

Cincuenta e dous rexedores dos concellos de menos de 20.000 habitantes acudiron ao Pazo provincial para coñecer os cambios

Carmela Silva e César Mosquera, presidenta e vicepresidente da Deputación de Pontevedra

Infogauda / Pontevedra


 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentoulles hoxe aos alcaldes e alcaldesas das localidades de menos de vinte mil habitantes o novo fondo local de investimentos que vai substituír as innumerables axudas que existían ata agora na institución provincial.

 Carmela Silva, acompañada do vicepresidente César Mosquera, e o resto do equipo de goberno, recibiu os 52 alcaldes e alcaldesas destas localidades no salón de plenos, onde detallou  as liñas principais deste novo fondo, que achegará preto de corenta millóns de euros de financiamento. "Ata agora eran innumerables os plans e as subvencións – sinalou Carmela Silva - e resultaba  moi complicado saber realmente cáles eran as necesidades dos propios concellos".

 A presidenta destacou que o novo sistema vai permitir "simplificar os instrumentos de financiamento dos concellos para as súas obras e servizos e, desde logo, o que vai desaparecer é a reserva do vinte por cento de libre disposición que tiña o anterior presidente".

 Silva insistiu, diante dos alcaldes e alcaldesas dos 52 concellos, que espera as suxestións e propostas dos distintos concellos para a elaboración final deste novo fondo local "porque a Administración local é a verdadeira protagonista das necesidades dos seus veciños e veciñas". 

 En principio, segundo detallou a presidenta, este fondo vai estar  dotado dun terzo dos ingresos dos capítulos I, II e IV dos orzamentos da Deputación, que aproximadamente "son uns 40 millóns de euros que se lles van transferir aos concellos cuns criterios transparentes e igualitarios".  

 A presidenta valorou como moi positiva a reacción dos distintos alcaldes e alcaldesas a creación deste novo fondo e incluso aproveitaron para facer pequenas achegas como a mantemento dos plans de emprego ou a posta en marcha de novos programas que veneren economías de escala como é o turismo.  

 Pola súa banda, o vicepresidente provincial, César Mosquera, destacou que todos os asistentes á reunión de alcaldes e alcaldesas tiraron conclusións positivas do encontro . Indicou que na xuntanza se demostrou que a Deputación provincial é unha institución para lles dar servizo a todos os concellos e "non para dar privilexios a cores políticas determinadas  nin favorecer a grandes urbes coma Vigo ou Pontevedra, algo que se temía desde algún ámbitos".

  Mosquera subliñou que é esencial que os concellos realicen achegas aos criterios para o reparto dos fondos provinciais e tamén  advirtan de calquera tipo de problema ou discriminación.  A finalidade do novo Goberno provincial, insistiu, "é transferirlles a maior parte dos orzamentos aos concellos para que estes teñan autonomía e se responsabilicen logo do seu gasto".  

 Tamén incidiu na necesidade de colaboración institucional á hora de impulsar políticas de accesibilidade nos municipios, que disporán de asesoramento moi especializado, igual que ocorrerá no campo da xestión dos residuos.  Na xuntanza tamén se destacou a necesidade de potenciar as medidas para a mellora dos montes axeitando a súa estrutura, dándolles operatividade e salvagardando o territorio.  

 Por último, a presidenta Carmela Silva cualificou de "matrícula de honra" a actitude de todos os alcaldes e alcaldesas nesta xuntanza "e moi acertadas as ideas suxeridas por todos os concellos".

Ningún comentario:

Publicar un comentario