O BNG aposta por unha restruturación profunda do G.E.S.
“A mellora do GES ten que ir máis aló dunha simple ordenanza, este servizo é vital para a Guarda”, afirmou Ángel Luis Baz, portavoz municipal do BNG
Ángel Luis Baz Alonso, portavoz municipal do BNG na Corporación Municipal de A Guarda
Infogauda / A Guarda
O portavoz municipal do BNG, Ángel Luis Baz Alonso, presentou unha moción no rexistro do concello para ser debatida en pleno sobre o servizo o Grupo de Emerxencias Supramunicipais (G.E.S.).
O BNG entende que "(...) o G.E.S. desenvolve un labor fundamental na nosa localidade e en boa parte da comarca do Baixo Miño. Esta agrupación situouse estratéxicamente na nosa localidade pola longa distancia que hai dos servizos de emerxencias existentes".
Para o BNG "ten que haber un cambio de filosofía no grupo de goberno municipal, hai que afrontar unha restruturación do G.E.S. que vai dende a dotación máis básica até un novo organigrama que asegure un correcto funcionamento do servizo".
"Dende o BNG - dixo Ángel Luis Baz - consideramos que o servizo está nunha situación preocupante. Os problemas que estamos detectando van moito máis aló da realización dunha ordenanza para solucionar o seu financiamento, teñen máis que ver coa falta de implicación do goberno municipal do PSOE".
“Hai que buscar a colaboración doutras entidades como concellos limítrofes, Deputación e a Xunta entre outras. Esta é unha obriga do goberno municipal” comentou Ángel Baz.
Os nacionalistas afirman que "a falta de dotación de materiais como vehículos axeitados, embarcacións, materiais funxíbeis, computadores, comunicadores e de formación está sendo suplida pola profesionalidade dos membros do GES".
“Non pode ser que os bombeiros teñan que costear material e formación cos seus propios cartos. Temos as nosas vidas nas súas mans e o goberno do PSOE parece que non se quere dar conta” subliñou o portavoz nacionalista.
Ángel Luis Baz Alonso non dubida en afirmar: "A situación pola que está atravesando o G.E.S. da Guarda é resultado da falta de atención do goberno do PSOE. A realidade afecta a todas as facetas do servizo, comezando pola propia coordinación entre o grupo de goberno e o G.E.S., dado que a persoa que realiza este labor de coordinador non pertence ao grupo de emerxencias, algo que non se entende sendo os membros do GES os coñecedores primeiros do que sucede en cada momento".
Para o BNG "o GES é un grupo de profesionais que teñen que ter unha dedicación a tempo total a velar pola nosa seguridade, revisando instalacións, adestrando protocolos e prevendo posíbeis perigos e, incluso, atendendo aspectos educativos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario