O Xulgado de Primeira Instancia e
Instrución núm. 1 de Tui declara nula a asemblea de socios e socias celebrada
hai un ano no Centro San Xerome
José Martínez Tato / A Guarda
O
Xulgado de Primeira Instancia e Instrución núm. 1 de Tui declara nula a
asemblea de socias/os celebrada o 31 de maio de 2014 no Centro San
Xerome e declara o dereito dos socios demandantes a ter acceso ao
censo de asociados aos efectos de poder convocar unha asemblea xeral
extraordinaria que viña sendo solicitada desde 2013 e que nunca se puido
efectivizar por negarse a Dirección do centro a facilitar os datos necesarios
para poder exercer o dereito recollido na lexislación vixente aos socios para poder convocar unha asemblea. O Xulgado impón as costas ao Centro
San Xerome.
Os
motivos que levaron a un grupo de socias/os a impugnar a asemblea de 2014
foron por un lado os impedimentos para poder facer efectiva a solicitude de convocatoria
dunha asemblea extraordinaria e tamén que, por primeira vez, se lles negou o
dereito ao voto argumentando diferenzas de tipo de socio/a.
O
Xulgado considerou que quedou probado que todos os socios tiñas as mesmas
obrigas e pagaban as mesmas cotas polo que “(...) ao
esixírselles aos actores, na súa condición de socios, as mesmas obrigas que a
aqueles outros cuxo dereito a voto resulta contrastado, han de outorgárselles
necesariamente idénticos dereitos, con independencia de calquera posible
categorización.”
Na vista quedou probado que até a data todo o mundo
exercera os mesmos dereitos, mesmo a través da declaración da Dirección do
Centro que en 2014 negou este dereito aos demandantes.
A sentenza recolle tamén
que en actas anteriores non se recollen aspectos básicos na vida de calquera
asociación: “(...) A documentación achegada...
resulta coherente... en canto á informalidade das mesmas en canto ao control de
asistencia, participación e voto. Na maior parte... non se indica sequera de
forma expresa se se vota para aprobar as contas, os cambios nos membros das
xuntas directivas”, etc.
O
Xuíz determina que, aínda sendo suficiente para declarar a nulidade da asemblea
o feito de negar nesta ocasión o voto a quen se lle permitiu telo
anteriormente, é tamén motivo de nulidade a negación do voto por constituir un
incumprimento da Lei 1/2002 que regula o Dereito de Asociacións, pois unha vez
probado que todos os socios teñen as mesmas obrigas hai que considerar ademais
que a Lei establece que poden “(...) existir
nas asociacións diferentes tipos de socios, mais de ningunha maneira sinala que
estas clases diferentes poidan ter diferentes dereitos.” Polo que conclúe
que as/os demandantes foron privados dun dereito fundamental das persoas
asociadas.
Finalmente
o Xulgado tamén considera que os asociados demandantes teñen dereito a
consultar o censo de asociados coa finalidade de poder exercer o seu dereito
para solicitar a convocatoria a unha asemblea extraordinaria e que os datos
postos a súa disposición polo centro non eran suficientes para posibilitar ese
dereito.
Por
todo isto declara nula a asemblea e condena á Asociación San Xerome a entregar
o censo aos asociados que o demandan para poder convocar unha asemblea
extraordinaria e condena tamén ao San Xerome a aboar as costas do xuízo.
As/os demandantes reclamarán a entrega do censo para poder realizar o trámite
preceptivo de esixir a convocatoria dunha asemblea extraordinaria en que se
debe falar da situación do Centro e da xestión realizada nestes dous anos.
Agardan que a Dirección do Centro deixe de obstaculizar o exercicio do dereito
das socias e socios e dea contas da situación creada e asuma inmediatamente as
súas responsabilidades e responda por elas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario