MÁIS DE 40 MEMBROS DAS PLATAFORMAS DE PREFERENTISTAS, APOIARON COA SÚA PRESENZA OS AFECTADOS POLAS SANCIONS QUE LLES FORON IMPOSTAS
A Plataforma do Baixo Miño leva ganados 26 dos 27 xuizos celebrados, recuperando cáseque 12.000€ das sancións pagadas
Concentración diante do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, de afectados polas participación preferentes e subordinadas, e polas sancions que lles foron impostas por defenderen os aforros de tódolos galegos
Domitila V., unha das persoas doblemente afectadas, declarando en presenza de outros cidadáns en idéntica situación - Fotografías: José Luis García Portela
José Luis García Portela / Pontevedra
Máis de corenta membros das plataformas de preferentistas do Baixo Miño, Morrazo, Salnés e Compostela achegáronse esta mañá a Pontevedra para amosar o seu apoio a Domitila, Camilo e Mey, membros da Plataforma do Baixo Miño, e que este xoves día 30 de abril, comparecían diante da sala 3 dos Xulgados do Contencioso-Administrativo polo recursos presentados contra sancións impostas pola Subdelegación de Goberno de Pontevedra. Os recurrentes foron sancionados con 100€ de multa pola "falta de desordes leves" no transcurso dunha concentración diante do Concello de O Rosal, o 6 de Xuño do 2013. No xuizo deste xoves, os tres procesos foron xulgados agrupados por seren feitos idénticos acontecidos no mesmo acto.
As 9:58 da mañá comezou a vista coas alegacións da demandante, a avogada dos sancionados, quen destacou a caducidade dos expedientes e a vulneración de varios dereitos como o de defensa.
A avogada do Estado alegou a extemporaneidade de dous dos recursos presentados, e a non caducidade do terceiro. Afirma que os feitos están perfectamente acreditados como desordes leves na via pública, onde os axentes recolleron expresións concretas de insultos e ameazas cara eles. Afirma o atestado da Guardia Civil que os sancionados actuaban de xeito hostil e animaban ao resto de concentrados a unírense a eles e que se obstaculizou o acceso ao Concello de O Rosal.
En canto á indefensión, a avogada do Estado, non a percibe porque nas alegacións foron propostas varias testemuñas, sen que se chegase a concretar quen eran e as súas identificacións.
Na proposición de proba, a avogada dos sancionados aporta unha denuncia contra Domitila V. que concurre en data e hora con feitos xulgados hoxe.
A avogada do Estado aporta a documental e pide a testimonial dos axentes.
Como ven sendo habitual, a xuiza non ve pertinente e útil a declaración dos axentes por xa constar ésta no expediente
No apartado das conclusións, a avogada dos sancionados, reitera a caducidade dos expedientes, que non se pode contemplar a extemporaneidade da demanda. Salienta que no caso de Domitila é evidente que non pudo ter un comportamento agresivo dada a súa idade e limitacións físicas. No caso de Camilo e Mey, os insultos non constituen infracción.
Engade ademáis que non se impediu o acceso ao Concello e que os axentes prescindiron da identificación alegando que os coñecían de outras ocasións.
A recurrente conclúe esixindo a nulidade das sancións e o cargo das costas ao Estado.
As conclusións da avogada do Estado comezaron coa extemporaneidade de dous dos recursos, e que non se produciu caducidade nos expedientes. Que a aportación dunha sentencia a favor de Domitila non é pertinente xa que, ainda que coincide en data e hora coa actual, é por feitos distintos. En aquel caso era por desobediencia e o proceso de hoxe é por desordes leves. Respecto ao argumento das limitacións de Domitila, afirma que lles consta aos axentes que Domitila asistía a moitas concentracións, estando sempre de pe e sen andador.
Que na denuncia dos feitos están ben documentadas e concretadas as ameazas e insultos. Polo cal, solicitan a desestimación da demanda.
Queda o proceso á espera de sentencia.
O xuizo acabou ás 10:30 h., tralo calo cal, os sancionados concederon entrevistas a varias canles de TV nacionais e medios locais.
Ás 12:50 h., Domitila foi entrevistada en conexión directa para o programa "Las mañanas de Cuatro".
O vindeiro 20 de maio celbranse en Pontevedra outros tres xuizos por sancións durante as protestas polas preferentes. ´
A Plataforma do Baixo Miño leva ganados 26 dos 27 xuizos celebrados, recuperando cáseque 12.000€ das sancións pagadas.


Ningún comentario:
Publicar un comentario