Encontro de Ángel Baz, candidato do BNG-AA, coas entidades deportivas da Guarda
Unha boa planificación, deportes alternativos e escolas deportivas municipais eixos fundamentais no programa sobre deporte do BNG-AA
Ángel Baz, candidato á alcaldía de A Guarda, polo BNG-AA
Infogauda / A Guarda
Ángel Baz, candidato do BNG-AA á alcaldía da Guarda, tivo un encontro coas diferentes entidades deportivas do concello de cara a coñecer as necesidades, proxectos e manifestar a importancia do deporte na Guarda.
Dende o BNG-AA valorouse positivamente os resultados da reunión, cunha alta coincidencia na análise da situación pola que pasa o deporte de base, senior e de elite na nosa localidade: como a falta de infraestruturas, o coidado das actuais, os horarios de utilización,...
A formación nacionalista amosou un apoio firme ao deporte guardés en todas as súas facetas, especialmente ao deporte de base como eixo vertebrador do deporte na localidade.
“No BNG-AA queremos de cambiar de modelo. Temos que realizar unha boa planificación do deporte guardés aproveitando as posibilidades que hai para os deportes alternativos sen esquecer as disciplinas que fixeron grande a Guarda”, afirmou Ángel Baz, candidato do BNG-AA á alcaldía da Guarda.
Para o BNG-AA é necesario a realización dun plan de traballo para o mantemento e creación de novas infraestruturas, así como ver a posibilidade de estabelecer relacións con entidades privadas para que poñan a disposición do concello instalacións deportivas neste intre infrautilizadas.
"Dende o BNG-AA entendemos - dixo Ángel Baz - que o deporte tamén debe ser un motor económico, recoñecendo que as actividades deportivas que se celebran no concello atraen a numeroso público de fóra que dinamiza a economía local".
Ningún comentario:
Publicar un comentario