ABERTO O
PRAZO PARA SOLICITAR PRAZA NOS PROGRAMAS DE TERMALISMO SOCIAL DA DEPUTACIÓN DE
PONTEVEDRA
·
O ano pasado participaron nestes dous
programas máis de 6.000 personas maiores de 50 anos
Grupo de participantes da edición anterior
Un ano máis a
Deputación de Pontevedra a través do Servizo de Servizos Sociais e Promoción do
emprego pon en marcha os programas de termalismo social Coidarte e Saúde e
Benestar. Estes programas están dirixidos a pensionistas, persoas
solicitantes dun respiro familiar e outras persoas maiores de 50 anos. Ambos
teñen como obxectivo fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de
vida dos seus beneficiarios, favorecendo as súas relacións sociais e a
participación no seu contorno, e promovendo espazos de intercambio, así como a
súa independencia persoal. Preténdese así evitar as situacións de illamento e
soidade que ameazan a este sector da poboación. O prazo para solicitar
participación en Coidarte 2015 vai do 1 ao 30 de abril de 2015 e o de Saúde e
Benestar, do 12 de marzo (mañá) ata o 10 de abril.
O mesmo tempo, cos programas Coidarte e Saúde e Benestar téntase impulsar a creación e mantemento do emprego no sector turístico da provincia, especialmente durante os períodos de menos actividade neste sector clave na economía, para así desestacionalizar a demanda.
Trátase, xa
que logo, dun programa cun claro obxectivo social, xa que facilita o acceso ó
turismo de saúde a persoas que doutro modo non poderían beneficiarse da súa
dobre función, como forma de descanso e tamén como tratamento sanitario, pero
que ofrece tamén bos resultados en termos de sustentabilidade económica para a
provincia.
O programa Coidarte
oferta balnearios, spas e talasos da
provincia a prezos reducidos, cunha subvención da Deputación á que poderá
sumarse outra dos concellos que se adhiran. Neste programa, os beneficiarios poderán
gozar de cinco días consecutivos (de luns a venres) no establecemento
seleccionado, facendo uso das súas instalacións durante dúas horas cada día. A
franxa horaria das actividades ofertadas fainas compatibles con outras obrigas
que poidan ter os usuarios. O transporte ata as instalacións correrá a cargo de
Deputación e non suporá ningún custo engadido para os beneficiarios, que terán
o asesoramento dun guía acompañante.
Na imaxe, algunhas das persoas participantes da campaña do ano pasado
O programa Saúde e Benestar oferta prazas
subvencionadas pola Deputación e comprende unha estancia de seis días e cinco
noites nun establecemento hoteleiro da provincia seleccionado polos
beneficiarios, que estará equipado cun spa ou talaso. O paquete do programa inclúe
a estadía en réxime de pensión completa e o uso das súas instalacións termais,
así como actividades de animación sociocultural con excursións pola zona onde
se sitúe o hotel. Poderase solicitar praza individual ou por parellas. Igual
que no anterior programa, os traslados desde os concellos serán cubertos na súa
totalidade pola Deputación, contando igualmente cun guía nas viaxes.
O ano pasado
participaron nestes dous programas 6.000 personas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario