CULTURA
VISITA GUIADA AO CASTRO DA CABECIÑA (MOUGÁS)
A actividade será o próximo domingo 15 de marzo, e comezará ás 11:00 horas na Casa da Cultura de Mougás
Xosé Gago / Mougás
A visita está dentro do programa de actividades do Proxecto Mougás, promovido pola C.M.V.M.C. de Mougás, o Concello de Oia e a Deputación de Pontevedra. A xornada constará de proxección de fotografías das escavacións e visita guiada.
O próximo domingo 15 de marzo, o Proxecto Mougás ofrece unha visita guiada gratuíta ao Castro e petróglifos da Cabeciña, onde se están levando a cabo traballos arqueolóxicos. A actividade é totalmente gratuíta e o seu obxectivo é o de dar a coñecer os resultados das intervencións arqueolóxicas. A actividade terá lugar o domingo pola mañá e constará de tres partes.
Ás 11:00 da mañá está prevista a proxección de fotografías dos traballos arqueolóxicos nas que se poderán ver os materiais descubertos. Os traballos foron moi frutíferos e atopáronse materiais como unha machada, unha punta de lanza, fíbulas e moita cerámica. A proxección terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Mougás.
Acto seguido, ás 11:45, comezará a andaina dende a Casa da Cultura ata a Cabeciña. Durante o percorrido, pararse nalgún elemento etnográfico como antigas cortes de cabras ou os petróglifos de Pedra Lan, anticipando o que será unha das apostas do Proxecto Mougás para este verán, a Ruta “Mougás en 4.000 anos de Historia”.
Unha vez chegados á Cabeciña, sobre ás 12:30, ofrecerase unha visita guiada para coñecer as estruturas atopadas durante os traballos de escavación. Durante as escavacións, descubríronse distintos muros de distintas fases de ocupación.
Os participantes poderán asisitir a todas ou algunha das actividades programadas, bastará con estar ás distintas horas nos lugares acordados.
Na páxina web e no Facebook do Proxecto Mougás hai información sobre como chegar. Para calquera dúbida, pódese contactar no correo info@proxectomougas.net

Ningún comentario:
Publicar un comentario