1 de mar. de 2015

GOIÁN

A VOZ QUEBRADA, O NOVO LIBRO DE XOSÉ Mª ÁLVAREZ CÁCCAMO PRESENTADO POLO AUTOR EN GOIÁN   

Xosé Mª Álvarez Cáccamo

Cineclub Poleiro / Goián

 O próximo mércores, 4 de marzo, 20:00 horas, no Centro Goianés, Xosé Mª Álvarez Cáccamo presenta o seu libro A voz quebrada. Da memoria histórica e o terror fascista. No acto participa o historiador Carlos Meixome, director do Instituto de Estudos Miñoranos, entidade editora.​​   

 Tirando da “memoria de poeta” en palabras de Xosé Manuel Beiras, prologuista do libro, Cáccamo percorre dende as súas vivencias como membro dunha familia de represaliados, os tempos do terror franquista dende a sublevación do 36 até a morte do ditador. Período histórico marcado pola execucións tras xuízo sumarísimo do seu avó, o médico republicano de Tui, Darío Álvarez Limeses e o asasinato de Alexandre Bóveda, sobriño deste. O sufrimento familiar continuou co desterro do seu pai Xosé María Álvarez Blázquez e á cadea do seu tío, Darío Álvarez Blázquez. “En Tui – sinala o autor- unha voz bestial pronunciou esta sentenza: "Perseguiremos aos Álvarez até a terceira xeración", a miña”.  

 Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) poeta e crítico literario, publicou tamén obra narrativa e teatral, así como literatura para crianzas. Ocúpase ademais na creación de poemas obxectuais e visuais, expostos con regularidade dende o ano 2007. A reivindicación da memoria histórica das vítimas do terror franquista imposto en 1936 exprésase con frecuencia a través  da súa obra literaria, xornalística e oratoria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario