CULTURA
O POBO DE A GUARDA HOMENAXEOU
A ROSALÍA DE CASTRO
Participaron Meli Rei, Anxo Angueira, Tino Baz e os compoñentes do Obradoiro de canto tradicional Galego
Tino Baz e compoñentes do Obradoiro de canto tradicional Galego
O pasado día 24 de febreiro conmemorouse o aniversario do nacemento de
Rosalía de Castro, a nosa poeta nacional, que vira a luz en Santiago de
Compostela, o 24 de febreiro de 1837, e que viviu na nesa cidade, así como en
Padrón e mesmo unha tempada en Madrid.
O
igoal que en moitas vilas e cidades de Galicia e mesmo do Alto Minho portugués,
así como noutras metrópoles onde hai colectivos culturais galegos, a efeméride
foi conmemorada polo pobo de A Guarda.
Na nosa vila, a homenaxe promovida polo
Concello de A Guarda en colaboura coa Fundación Rosalía de Castro, tivo lugar o
sábado día 28 de febreiro, no salón de actos do Centro Cultural e Social de A
Guarda. O evento comezou con unha proxección de imaxes vencelladas á vida e
obra de Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, A Padrón, Casa da Matanza,
Bastabales, Lestrove, ...) a xeito de limiar da própia homenaxe, que contou con
unha breve disertación do Concelleiro de Cultura, Antonio Lomba Baz, a xeito
de presentación das persoas que intervirían deseguido, cedendo o uso da palabra,
en primeiro lugar, á profesora Meli Rei Santos, Xefa do Departamento de Lingua
Galega e Literatura, no IES A Sangriña.
Na
súa primeira intervención, Meli Rei daría paso o cantautor, gaiteiro, músico e poeta de
A Guarda, Tino Baz Baz, que ademais de aportar súa persoal valoración sobor da
influencia de Rosalía de Castro, na súa labor artística, interpretaría unha cantiga baseada nun poema
de Rosalía de Castro.
Tino
Baz, que afirmou ter “Follas Novas”, de Rosalía de Castro, como libro de
cabeceira, ten musicado poemas da escritora, autora de “Cantares Gallegos”,
“Follas Novas” e “En las orillas del Sar”, entre outros.
Rematada
a primeira actuación de Tino Baz, Meli Rei expuxo unha sipnose rosaliana,
salientando á condición de Rosalía de Castro, como unha muller pioneira do
feminisno en Galicia, nunha época dominada polos homes. Asemade, intercalando
algúns versos de Rosalía, foi debullando o perfil humano e literario da Cantora
do Sar, amosando o inmenso valor da súa obra, traducida a outros idiomas como o
francés, alemán, ruso ou xaponés.
Falou
tamén de dúas frores - a rosa e a camelia – tan presentes nas obra rosaliá, salientando que a primeira ten olor e a segunda non. Súa
intervención remataría logo de dar lectura a un poema inédito de Rosalía de
Castro, coñecido hai moi pouco tempo, xa que súas fillas, atendendo o rogo de
súa nai, queimaron tódolos orixinais da poetisa.
Logo
da súa intervención Meli Rei, daría paso a Anxo Angueira Viturro (Manselle, 1961), profesor da Facultade de
Filoloxía Galega e Latina, da Universidade de Vigo, vén desenvolvendo a súa
actividade investigadora no ámbito literario, centrándose no Rexurdimento
(Rosalía de Castro, Fernández Morales, Curros Enríquez e Sarmiento) e na obra
de Méndez Ferrín, sobre quen realizou a súa tese Bretaña, Esmeraldina e o sistema literario galego (2009). Como
poeta destacan os seus títulos O valo de
Manselle (1996) e Fóra do sagrado
(2007). Leva publicadas no ámbito da narrativa obras como Bágoas de facer illas (1997), Premio Dublín de Narrativa; Pensa nao (1999), Premio Xerais de
Novela, Terra de Iria. Viaxe ó país de
Rosalía de Castro (2002) e A morte
de A. (2003). Con Iria (2012),
obra en certo sentido continuadora de Pensa
nao, regresa á novela. Anxo Angueira é presidente da Fundación Rosalía de
Castro.
O filólogo Anxo Angueira fixo fincapé que
autores como Luis de Camôes, Víctor Hugo, Dante, Miguel de Cervantes, Shakespeare,...,
son os escritores nacionais de Portugal, Francia, Italia, España, Gran
Bretaña,... Todo eles varons, e salientou, que, entre outros méritos, “(...) Rosalía de Castro é sen lugar á
dúbidas o escritor nacional de Galicia (...)”, para intres despois
puntualizar e remarcar, que ela é a nosa escritora nacional.
Anxo
Angueira dixo tamén que escreber en galego no século XIX, na época en que viviu
Rosalía de Castro, non era unha tarefa doada. A lingua galega quedara reducida
a un mero dialecto da xente popular. Ademáis, en contraposición con algún autor
como Luis de Góngora, entre outros, que fixo un retrato literario denigrante de
Galicia, súa xente e súa Cultura; Rosalía de Castro salientou as belezas
naturais do noso País, sen esquecer á crúa realidade da emigración tanto o
interior da península ibérica, como os países americanos, nomeadamente, daquela
a illa de Cuba.
En
verbas de Anxo Angueira, Rosalía de Castro reflectiu na súa obra, á épica da
emigración. Polo tanto, non foi unha poetisa acomodada, senón comprometida con
Galicia e cos galegos. Foi unha poetisa social.
Rosalía
de Castro, xunto con Eduardo Pondal e Curros Enríquez, é unha das figuras do
chamado Rexurdimento Galego, que racharon co desprezo e a indeferenza deica á
língua galega.
O
presidente da Fundación Rosalía de Castro, abondou tamén sobor das costureiras,
tan maltratadas nas cantigas galegas de tradición popular, e que Rosalía de
Castro, soubo darlle á volta. “(...) Comeza - dixo A. Angueira - con este cantar
popular: -Miña Santiña, / ¡niña Santasa,
/ ¡niña cariña / de calabasa... Como se sabe, o poema desenvolve un diálogo
entre unha moza costureira e unha santa. A rapariga ofrécelle á Santiña uns
presentes por lle esta aprender a da-los puntos da muiñeira pois desexa ir
bailar á romaría. A santa négase. Suxírelle que se dedique ós labores do campo,
que non faga periga-la honra e mesmo a ameaza .... coa cristiá condenación
eterna. A moza, despois de tanto pedir e pregar, acaba por retirarlle os
presentes e por se rebelar contra ela insultándoa (...)”.
O investigador Anxo Angueira recitou deseguido un dos poema incluídos pola autora na
segunda edición de Cantares Gallegos, a de 1872.
“(...)
Estamos – dixo o profesor A. Angueira - diante dun fermosísimo poema de diáfano
carácter social, feminista e anticlerical no que a crítica non ten prácticamente
reparado ou, se o fixo, interpretouno erróneamente. Por veces as estratexias de
Rosalía ocultan, so o vestir folclórico, costumista e tradicional -tamén no
caso de “San Antonio bendito”-, contundentes e mesmo transgresoras posturas
vinculadas sempre a unha ideoloxía laica, progresista e protonacionalista. É o
caso da misoxinia do “Conto gallego” , que é sen dúbida ningunha, desde a
pragmática textual, un exemplo de moi lúcida antimisoxinia envolta en
transgresión radical, como veremos acontece aquí, da ideoloxía inicial do conto
popular (...)”.
“(...)
Por outro lado – afirmou Anxo Angueira - queremos demostrar que Rosalía non glosou
os cantares populares, non fixo unha recreación da Weltanschauung do
cancioneiro ou do “espírito do pobo”. Moi pola contra - é a nosa opinión - nunca deixou de pór en
práctica, dun xeito ou doutro, a súa capacidade transgresora cos valores e coa
ideoloxía do inxente material oral que ela manexou, o que non quere decer que,
escolmando moi polo miúdo, se non aproveitase daqueles cantares que si cadraban
co seu proxecto de intervención política, social e literaria, feito
perfectamente ilustrado por “Adiós ríos, adiós fontes” e “Castellanos de
Castilla”, exemplos de cantar-bandeira (...)”.
O
remate da súa magnífica intervención, Anxo Angueira recibiu merecidos aplausos do público
que asistiu o acto.
Houbo
unha nova actuación de Tino Baz, que mesmo interpretou unha peza a ritmo de
tango, e que tamén foi merecidamente premiada polos aplausos dos asistentes.
E
para pór broche final a homenaxe a Rosalía de Castro, subiron o escenario as/os
compoñentes do Obradoiro de canto tradicional Galego que dirixe Tino Baz, e que
tódolos martes ensaian na Casa Cultural da Comunidade de Montes Veciñais en Man
Común da parroquia de Camposancos.
Compre decir que no decurso da actuación, unha
compoñente do grupo coral, tivo un esvaecemento, sendo requerida á intervención
de un médico, que a asistiu in situ, e deseguido saiu polo seu própio pe do
escenario, quedando afortunamente n´un susto.
Logo de interpretaren uns temas en galego e mesmo unha morna caboverdiana, remataría
a homenaxe a Rosalía de Castro, na que participou unha dignísima representación
da cidadanía de A Guarda, e ainda que o aforo - 183 localidades - do salón de actos do Centro Cultural e Social non chegou a completarse, foi un evento cultural que debera ter continuidade en anos vindeiros.



Ningún comentario:
Publicar un comentario