TRIBUNA ABERTA
O CONCELLO DA GUARDA DESPREZA A PROPOSTA DO BNG DE DECLARAR O 24 DE FEBREIRO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO
BNG / A Guarda
Numerosos concellos e asociacións de Galiza recollen na súa programación cultural esta data para celebrar o día do nacemento de Rosalía de Castro, a autora que inicia e simboliza o Rexurdimento da lingua e cultura galega.
Desde hai tres anos, desde o BNG apoiamos a proposta da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega para declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía de Castro e por terceiro ano solicitamos no Pleno Municipal que o Concello da Guarda conmemore esta data.
O 24 de febreiro de 1837 naceu Rosalía de Castro, a escritora máis representativa da literatura galega. A extraordinaria creación desta muller ocupa un lugar destacado na literatura universal e a súa importancia é recoñecida dentro e fóra das nosas fronteiras. A súa obra é desde o Rexurdimento e, especialmente na actualidade, recreada por novos autores e autoras, para quen segue a ser fonte de inspiración que se expresa en múltiples formas: música, danza, teatro, literatura,...
Desde o século XIX, Rosalía foi homenaxeada polo pobo galego como poeta nacional pois ela reclamou a redención da patria galega e deulle voz ao seu pobo, berrando nos seus versos contra a inxustiza e a desigualdade. A verdade dos seus versos segue hoxe viva e necesaria.
O goberno socialista négase a declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía alegando que non lle gusta que lle diten a súa axenda cultural. Polo que parece Rosalía naceu un día que non lle vén ben á concellalía de “cultura”. Se cadra ten tantas e tan importantes propostas na súa axenda que non hai oco para lembrar a autora máis importante das letras galegas! Desgrazadamente a ignorancia ou o desprezo pola lingua e cultura galegas son tan frecuentes que xa son costume do goberno municipal.
Ausencia de compromiso co galego do PSOE
Non é a primeira nin a segunda vez que o BNG denuncia estas situacións. A ausencia de compromiso coa normalización lingüística é evidente cando nin se contempla a existencia deste servizo municipal, e máis que evidente é cando atopamos o logotipo do Concello en carteis onde a nosa lingua é marxinada. A ausencia de compromiso coa nosa cultura é dunha ostentación vergonzosa. Nin se programa nin se apoia a creación en galego. Nin sequera se lle dá a consideración nin o recoñecemento que merecen aos guardeses e guardesas que ocupan un lugar de honra na creación e difusión da cultura galega polo mundo.
O máis lamentable é que non é por falta de recursos, senón por falta de vontade. Só temos que botar unha ollada a outros concellos da comarca, como Tomiño, con condicións semellantes ao noso. Concellos que si celebran o Día de Rosalía; concellos que si ofrecen unha programación cultural galega; concellos que si honran aos seus creadores e creadoras.
E sendo así desde o BNG facémoslle unha proposta ao noso goberno municipal: Supriman xa a Concellería de Cultura, pois como di o saber do pobo: “para pouca saúde, máis vale ningunha.”
(R.)

Ningún comentario:
Publicar un comentario