CULTURA
Álex Vázquez. Acariñando o ceo
Do 30 de xaneiro ó 1 de marzo de 2015
Museo de Pontevedra
Sexto Edificio
(Rúa Padre Amoedo Carballo, 3)
Infogauda /Pontevedra
Comisariada por Amelia Palacios, esta mostra poderá visitarse no Sexto Edificio dende a súa inauguración o 30 de xaneiro ás 20 h. Nela faise un percorrido por toda a obra de Alex Vázquez a xeito de exposición antolóxica. Antón Castro defínea como o “resultado da súa exclusiva mirada emocional á hora de interpretar a natureza como unha construción cultural, humanizada xa como paisaxe”. Unha busca incansable da beleza no entorno natural e cunha mensaxe sentida subliñada pola súa filla e comisaria: “a súa pintura invítanos a soñar”.
Álex Vázquez - Palacios Gómez (Vigo, 1946) nace no seo dunha familia relevante no panorama artístico galego onde, dende moi temperá idade, mostra claras aptitudes cara ó mundo da cultura e a arte. O seu pai, Isidro Vázquez Palacios, pioneiro da actividade creativa a nivel publicitario dentro de Galicia, e o seu tío, Antonio Palacios Ramilo, afamado arquitecto porriñés, estimularon en Álex a profunda vocación artística.
En paralelo vai trazando a súa traxectoria pictórica partindo do realismo dos seus comezos e queimando distintas etapas con notable valentía: figura, retrato, mariñas, paisaxe urbana, ata o informalismo das súas actuais creacións.
Álex Vázquez conta cunha ampla traxectoria. O seu innegable talento abriulle as portas de moi distintas galerías e centros de prestixio en España e Portugal, onde a súa obra se vén expoñendo con regularidade. Cabe destacar tamén as súas importantes achegas ó campo do deseño gráfico e conceptual.
Ningún comentario:
Publicar un comentario