28 de nov. de 2014

PONTEVEDRA

Plan provincial de obras e servizos: 12 millóns de euros para investimentos nos concellos


O Pleno da Corporación aprobou as bases do Plan 

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra destinará 12 millóns de euros a investimentos nos concellos da provincia, no marco do Plan provincial de obras e servizos de 2015. Así se acordou esta mañá no Pleno da Corporación provincial, onde se aprobaron as bases do mencionado Plan cos votos a favor de PP e PSOE e a abstención do BNG.  

 Este Plan da Deputación prevé que durante o vindeiro ano os concellos poidan acollerse a el tanto para financiar obras e servizos prioritarios no municipio como para garantir o seu funcionamento normal e eficaz. Así, os concellos que o precisen poderán destinar parte da achega concedida, ata un máximo do 30 %, a amortizar débeda con entidades financeiras ou co Estado, ó pagamento a acredores e a financiar gasto corrente.  

 As bases do programa recollen que serán os propios concellos os que asuman a licitación e contratación das obras subvencionadas, co obxectivo de axilizar a execución dos traballos. Só nos casos nos que o concello non poida asumir esa responsabilidade por carecer de medios ou de capacidade técnica poderá solicitar que sexa a Deputación a que realice estes trámites.  

 Os concellos disporán de 30 días desde a publicación das bases do programa no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra para presentar as solicitudes de axuda, cos correspondentes proxectos e a documentación necesaria.  

 O reparto dos fondos entre os distintos concellos farase nunha parte de forma lineal (correspondéndolle a cada un deles 81.355,93 euros) e outra parte en función da poboación e do territorio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario