2 de set. de 2014

GONDOMAR

Presentación do libro “A causa do crime” co presenza de Alfredo López, “Tokio”


 Instituto de Estudos Miñoranos / Gondomar

  O vindeiro venres 5 de agosto terá lugar a presentación da novela debuxada A causa do crime (Demo Editorial, 2014), nova obra do noso compañeiro Alfredo López “Tokio”, a poucos días de saída do prelo. Falaremos da obra e a súa historia, ademais dunha sesión de sinaturas do autor ao final do encontro. O acto será presentado polo tamén debuxante, Evaristo Pereira, e dará comezo ás 20:30 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas, na Avenida da Feira, nº 10, baixo, Gondomar.  

 Tokio, autor de banda deseñada e biólogo mariño, asina unha obra de ficción de importante carga política, que publicou inicialmente por entregas en 1987, no xornal A Peneira. Recuperada agora con nova aparencia gráfica e argumento ampliado, supón unha ollada xenuína ás inquedanzas de boa parte da sociedade galega dos oitenta. A historia, protagonizada por unha muller, inclúe temas como os movementos sindicais, o terrorismo e a corrupción política dos anos oitenta, coa banda sonora da Movida viguesa de pano de fondo.  

 O álbum conterá un enlace a Spotify e referencias dos temas musicais que inspiraron o autor para a realización do álbum.  

Sinopse  

Vigo, 1984. Xusto antes da primeira folga xeral galega, a explosión dunha bomba durante unha entrega de premios oficial levanta as sospeitas da policía sobre Alba, que está a traballar nese momento no lugar dos feitos. Para demostrar a súa inocencia, Alba iniciará a súa pescuda cun veterano sindicalista, e ambos os dous acabarán descubrindo unhas intencións moi distintas ás das investigacións policiais.  

Do autor  

 Alfredo López Fernández, o Tokio, nace no ano 1964 (ano das olimpiadas de Tokyo) en Castrelos, Vigo. Logo de garabatear todo que atopou por diante, comezou a colaborar en  fanzines dos anos 80, organizando e participando nas primeiras exposicións de banda deseñada celebradas en Vigo. Traballou profesionalmente en ilustración científica, naturalista, infantil e de libros de texto, acompasando esta labor con estudos e traballos de biólogo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario