Este
sábado Peitieiros celebra o XXI Festival folclórico internacional
O
venres rematan os actos da Semana Cultural cunha charla sobre o traxe galego
Centro Cultural e Recreativo de Peitieiros / Gondomar
Este
venres 22 de agosto ás 20:00h. no Centro Cultural remata a Semana Cultural organizada polo Centro Cultural de Peitieiros,
cun charla e mostra do Traxe tradicional a cargo da deseñadora
e costureira de traxes tradicionais galegos Patricia González. Os seus traxes teñen aires renovados, mais
mantendo a esencia do século XIX e principios do XX. Patricia González tamén
elabora fundas de moitos instrumentos musicais, entre eles gaitas. Esta
costureira da parroquia de Saiáns, en Vigo, leva 18 anos impartindo clases de
costura tradicional. Patricia González tamén é pandereteira e integrante do
grupo Zurrumalla.
A Semana Cultural que remata este venres é o
preludio do XXI Festival Folclórico
Internacional que se desenvolverá
no adro de Peitieiros o sábado 23 de
agosto. O Festival comezará xa ás 12 da mañá con obradoiros diversos de baile e música abertos á participación de
quen quixer achegarse. Os obradoiros serán de 12 a 14 horas durante a mañá e
de 17:00 a 19:00 pola tarde e serán impartidos polos propios grupos
participantes.
A partir das 20:00h
desenvolverase a parte central do Festival que abrirá
o grupo anfitrión, Ecos e Agarimos.
O grupo Ecos e Agarimos é a escola de música tradicional e baile do Centro Cultural
de Peitieiros e conta con máis de 20 anos de traxectoria.
Contaremos tamén coa
participación do Rancho Folclórico CCR São Simão de Gouveia, procedente
do concello de Amarante, no distrito de Porto (Portugal).
A continuación
actuarán as Pandereteiras Airiños do Sobreiro da Asociación de
Veciños de Borreiros (Gondomar).
Poñerá o broche ao Festival o
grupo Xistra de Coruxo (Vigo), unha formación musical
que naceu en 1988 como agrupación que pretende estudar, divulgar e actualizar
as melodías tradicionais do Sur galego. En todos estes anos Xistra ten actuado
en todo o noso país, mais tamén en toda Europa, tendo publicados xa cinco
discos. O último en ver a luz: "A
Charurga" será presentado en Peitieiros.
"A Charurga"
é un disco con 16 temas en que Xistra volve propoñer un novidoso xeito de
difundir a música popular galega. Como eles mesmos manifestan "son
melodías e ritmos popularizados por cuartetos, murgas, charangas e mesmo por
aquelas incipientes orquestras da primeira metade do século XX que neste
proxecto da Charurga da Xistra aparecen unificadas, reharmonizadas e
reinterpretadas dun xeito libre."
Xistra de Coruxo promete diversión e troula, os mellores
ingredentes para rematar o XXI Festival Folclórico Internacinal de Peitieiros,
pois " O "produto-xistra" é de marcado matiz bailable e
participativo; o que fai dos seus directos unha verdadeira incitación á troula
e ao disfrute”
O XXI Festival Folclórico
Internacional de Peitieiros conta coa colaboración do Concello de Gondomar e a
Comunidade de Montes de Peitieiros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario