21 de ago. de 2014

CULTURA

“A voz quebrada” preséntase no C.S. O Fuscallo de A Guarda este venres ás 20 horas



Álvaro Peralta / A Guarda

 Este venres 22 de agosto ás 20:00 horas presentarase o libro A voz quebrada. Da Memoria histórica e o terror fascista, no Centro Social O Fuscalho de A Guarda (Paseo Marítimo a carón do dique).  A obra editada dentro da colección Letras da Groba polo Instituto de Estudos Miñoranos, será presentada polo seu autor, Xosé María Álvarez Cáccamo.
                                                                                                             
Da obra
 Tirando da “memoria de poeta” en palabras de Xosé Manuel Beiras, prologuista do libro, Cáccamo percorre dende as súas vivencias como membro dunha familia de represaliados, os tempos do terror franquista  dende a sublevación do 36 até a morte do ditador. Período histórico marcado pola execucións tras xuízo sumarísimo do seu avó, o médico republicano de Tui, Darío Álvarez Limeses e o asasinato de Alexandre Bóveda, sobriño deste.  O sufrimento familiar continuou co desterro do seu pai Xosé María Álvarez Blázquez e á cadea do seu tío, Darío Álvarez Blázquez. “En Tui –sinala o autor- unha voz bestial pronunciou esta sentenza: <>, a miña”.

Do autor
 Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) poeta e crítico literario, publicou tamén obra narrativa e teatral, así como literatura para crianzas. Ocúpase ademais na creación de poemas obxectuais e visuais, expostos con regularidade dende o ano 2007. A reivindicación da memoria histórica das vítimas do terror franquista imposto en 1936 exprésase con frecuencia a través  da súa obra literaria, xornalística e oratoria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario