9 de xul. de 2014

CAMINHA

Pilar Álvarez e Charo Trigo 

" DOUS PENSAMENTOS" 

 01 a 14 de julho
Na Galería de Arte Caminhense






                                  

"DOUS PENSAMENTOS" 

 Pilar e Charo, dúas mulleres vinculadas pola arte, nadas en dúas vilas limítrofes, O Rosal e a Guarda, unidas moitos anos atrás e bañadas polo río Miño; ese mesmo río que nos une ao país veciño Portugal e que, con tan só cruzalo,  nos permite compartir tradicións, música, arte…, cultura en definitiva.   

 Pilar e Charo, dous pensamentos ben distintos que teñen moito en común, gran vocación pola pintura desde idade temperá e que compaxinan con outras actividades profesionais. As dúas reciben formación plástica da mestra pintora, recoñecida artista guardesa, Alicia Alonso desde a década dos anos noventa. 

 Os seus amplos currículums avalan a súa experiencia en exposicións individuais e colectivas, que sen dúbida non deixan indiferentes a ninguén que contemple a súas obras. Non soamente plasman no lenzo o que perciben os seus ollos, senón tamén o que lles proporciona a súa imaxinación, utilizando as máis diversas técnicas coñecidas en pintura. Se ben comparten formación e teñen moito en común, as diferenzas entre elas son notables e propias da súa personalidade, perspectiva da realidade e do seu estilo cultivado e característico. 

 As súas obras abarcan diferente temática, paisaxes naturais e urbanos, retratos, bodegóns.., pero sempre ligado ao seu propio pensamento, dous pensamentos ben distintos que fan da exposición que comparten, un lugar cheo de luz, cromatismo, sensibilidade e harmonía. 

  É o meu desexo para o público asistente a esta nova mostra pictórica, que as obras creadas por Pilar e Charo lles esperten as sensacións que elas mesmas nos desexan transmitir.  

Charo Tabales Perozo

Concelleira de Cultura do Concello do Rosal
Pontevedra

Ningún comentario:

Publicar un comentario