13 de xuño de 2014

GALICIA

O BNG solicita unha investigación “exhaustiva” sobre o brote de tuberculose  no vacún galego

A deputada do BNG, Tereixa Paz tamén pediu evitar o sacrificio de “animais sans” realizando unha segunda proba antes do sacrificio, proposta que a Xunta non está disposta a realizar



Infogauda / Santiago de Compostela
A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz pediu unha “investigación exhaustiva” sobre o brote de tuberculose  no gando, unha segunda proba antes do sacrificio de animais e axilizar o pago das indemnizacións polo sacrificio de reses.
Tras a comparecencia da directora Xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, a petición propia, para explicar as actuacións da consellería de Medio Rural relacionadas coas probas de tuberculose  no gando vacún galego, a nacionalista asegurou que o brote nalgunhas comarcas sitúa as primeiras probas  entre o 200% e 300 % de casos positivos e post-morten,  tras o sacrificio, o 95% dos casos resultan “falsos positivos”.
Neste sentido, insistiu na realización dunha segunda proba para evitar “sacrificios innecesarios”, proposta que a Xunta non secundará  para non contravir unha instrución do Misterio, aínda que existan sentencias que o permitan como a emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Castela-León.
Por outra parte, na súa intervención, a nacionalista tamén solicitou  da Xunta poñer en marcha un programa de “recría” de gando para evitar a contaminación da cabana galega ante a necesidade dos gandeiros por mercar reses doutras comunidades para repoñer nas explotacións.
Tereixa Paz concluíu con outra reclamación para axilizar o pago das indemnizacións por sacrificio de reses, así como establecer “axudas extraordinarias”  para a reposición do gando nos casos de “sacrificio total das reses” e  co fin de recuperar canto antes a produción, paliar as perdas pola falta de comercialización da carne e o leite e  perdas ocasionadas pola inmobilización de animais obrigando ao xatos a permanecer na explotación.
O BNG desminte a Xunta  nas porcentaxes de axudas ao sector do  viño galego
Tereixa Paz negou as afirmacións da  directora Xeral de Produción Agropecuaria  sobre a cantidade de fondos da OCM e a PAC para o viño e criticou o “triunfalismo” do Goberno galego sobre esta cuestión cando en realidade dixo, “ os viticultores galegos perderon cartos que foron absorbidos polos produtores de viño de Castela- A Mancha”.
“As axudas hai que quitarllas aos latifundistas e non aos viticultores galegos”, sentenciou .

Ningún comentario:

Publicar un comentario