A 14ª edición do Correlingua chega a Tui o vindeiro 12 de maio
Baixo o lema: “Galego, o paso adiante”, máis de 1500 alumnos e alumnas da comarca percorrerán as rúas da vila até a Área Panorámica.
Marta Dacosta Alonso / Tui
A edición 2014 do Correlingua, carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Deputación de Lugo, chega a Tui o próximo luns día 12 de maio.
O Correlingua chega a Tui na súa sexta xornada e faino baixo o o lema: Galego, o paso adiante en diálogo aberto co escritor lugués homenaxeado este 2014, Xosé María Díaz Castro, quen, no inesquecíbel Penélope, falaba do abalar da historia de Galiza: “un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move”. Pois ben, neste ano en que se cumpre o 1º centenario do nacemento do escritor, o Correlingua quere responder desde o presente que avanzamos coa nosa lingua, porque o galego é un deses pasos adiante que citaba o poeta.
En Tui o Correlingua conta coa colaboración do Concello de Tui, a través da Concellaría de Cultura e Educación, a quen lle queremos agradecer que teña acollido e apoiado a actividade.
A Tui acudirán escolares de: Gondomar, do IES Terra de Turonio, Nigrán, do CEE de Panxón, O Porriño, do CEIP Plurilingüe de Atios, Salvaterra de Miño, do IES Salvaterra de Miño, O Rosal, do CPI Manuel Suárez Marquier e de Tui, dos colexios de Randufe, Rebordáns e Plurilingüe Nº 1 e os institutos Indalecio Pérez Tizón e San Paio. Máis de 1500 alumnos e alumnas que terá a oportunidade de participar nunha actividade e nunha festa coa queremos enviar a mensaxe de que podemos e queremos vivir en galego.
A festa final estará conducida pola actriz Isabel Risco, recente gañadora do premio Mestre Mateo á mellor actriz de reparto na serie Era Visto! E actuará o grupo Monoulious Dop, un dos gañadores do certame Cantalingua, do Correlingua. Na festa final participará o alumnado de Salvaterra de Miño que preparou unha actuación, e teremos ocasión de escoitar omanifesto gañador do Correlingua elaborado polo alumnado de 3º ESO do IES Isaac Díaz Pardo, Sada. En Tui, para a lectura do manifesto, contamos co pedagogo e escritor Silvestre Gómez Xurxo, mestre que foi director do CEIP Pazos de Reis e é autor das novelas infato-xuvenís Déixao medrar, Ith, Todo vai ir ben e Ti non xogas!
A actividade iniciarase ás 11:30 horas na Praza de Vigo e a Corredoira, desde onde sairán os dous itinerarios, o reducido de Infantil, e o que realizarán o alumnado de Primaria e Secundaria, para estar ás 12:00 na Área Panorámica, onde terá lugar a festa final.

Ningún comentario:
Publicar un comentario