ANA MIRANDA DI QUE A POLÍTICA DO PP CONSISTE EN “ELIMINAR O ENSINO PÚBLICO E CASTIGAR AOS QUE SE REBELAN”
A candidata nacionalista deu o seu apoio aos cinco mozos e mozas denunciados polo alcalde de Mondariz por facer un mural ao lado do instituto en defenda do ensino público
Infogauda / Mondariz
A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, acusou esta tarde ao PP de pretender “acabar co ensino público coa Lei Wert (LOMCE) e querer calar aos que protestan coa lei de represión cidadá de Gallardón”.
Nun acto no Centro Social de Mondariz a candidata nacionalista quixo mostrar o seu apoio aos cinco mozos e mozas de Galiza Nova denunciados polo alcalde por facer un mural ao lado do instituto en defensa do ensino público. “Denunciáronvos para tentar calarvos”, dixo Ana Miranda, que animou a todos os cidadáns e cidadás galegos “a non calar” e a “rebelarse en contra das políticas de recortes do Partido Popular que están afogando á xente”, dixo.
En especial, a candidata nacionalista animou aos mozos e mozas galegos “a non calar” e a castigar ao PP o 25 de maio nas urnas co seu voto ao BNG. Ana Miranda lembrou que 100.000 mozos e mozas galegos tiveron que emigrar nos últimos anos por falta de traballo e futuro na súa terra e pediulles “que castiguen aos que os forzaron a emigrar coas súas políticas”.
“Castigo contra aqueles e aquelas que se rebelan”
Un mural en defensa do ensino público, realizado a carón do instituto, nun muro onde xa había pintadas de vello, levou recentemente a cinco mozos e mozas ao xulgado. O alcalde de Mondariz, Julio Alén, do Partido Popular, denunciounos por esta acción en defensa do ensino público galego alegando “deslucimento”. Ana Miranda dixo que foi unha denuncia “ridícula e franquista, baseada naquela lei de vagos e maleantes da dictadura”, afirmou.
A candidata do BNG declarou que “o PP ten no seu punto de mira ao ensino público e a aquela mocidade galega que se rebela contra estas políticas e que reivindica os seus dereitos. Por iso están a levar a cabo accións represivas como aconteceu neste caso en Mondariz e como está a acontecer noutros puntos do Estado”, denunciou.
No acto celebrado en Mondariz Ana Miranda fixo balance tamén do traballo feito polo BNG en Bruxelas en defensa dos sectores produtivos galegos e explicou cal é o funcionamento do Parlamento Europeo e cales son as propostas do BNG para Europa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario