CATRO TEIXUGOS NA FINAL DA TERCEIRA COMPETICIÓN DA COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM
Foto (arquivo): Rosa Fernández Carrera
Rosa Fernández Carrera
Esta fin de semana celebrouse na localidade francesa de Orthez a terceira e última competición da Copa de España de slálom. O club Deportivo Miño-Teixugos acudiu a esta cita con sete piragüistas, tres dos cales participaron en kaiak e canoa.
Durante a mañá do sábado realizouse a fase de clasificación, entrando en semifinais catro dos nosos deportistas, Andrea González, do Rosal, Sara Vázquez de Monforte de Lemos e os tomiñeses Brais Castro e Manuel Ochoa.
A primeira hora do domingo celebráronse semifinais e finais. Os catro teixugos entraron en finais. Aínda que a xornada non rematou en medalla para ningún deles tiveron unha actuación moi destacada. O mellor clasificado foi Manuel Ochoa que rozou o bronce co seu cuarto posto en k1 home cadete, na mesma categoría Brais Castro rematou sexto que tamén participou en canoa acadando o sétimo lugar; en k1 muller xuvenil Sara Vázquez foi sexta e Andrea González oitava.
Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño rematou sexto, sendo o mellor clasificado dos clubs galegos.
A última competición da IX Liga Española será o 26 e 27 de xullo na canle olímpica da Seu d´Urgell onde se celebrará o Campeonato de España de Slálom Olímpico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario