1 de feb. de 2014

PONTEVEDRA

Inclúense obras nas comarcas de Deza, Morrazo, Pontevedra, Arousa, Caldas, Vigo, Condado-Paradanta e Baixo Miño


A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ADXUDICA E LICITA 27 OBRAS POR UN IMPORTE GLOBAL DE 6 MILLÓNS DE EUROS
A Deputación de Pontevedra adxudicou e licitou, na súa Xunta de Goberno de onte, obras por un importe de 6 millóns de euros.
En total, adxudicáronse 12 obras e subministracións nos concellos de Cangas (2), Soutomaior, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas (2), O Porriño, Silleda (3), Caldas de Reis e Lalín, por un importe global próximo ao millón de euros.
Así mesmo, aprobouse o expediente de contratación para a licitación de outras 13 actuacións en diferentes concellos da provincia, por un importe superior aos 4 millóns de euros e que se executarán nos concellos de Barro (2), Cambados, Cangas (2), Lalín, Mondariz, Poio, Valga, Vilagarcía de Arousa, O Rosal, Ponteareas e Redondela.
A maiores, aprobouse o proxecto de reconstrución da Ponte de Casteláns, no concello de Covelo, que conta cun orzamento de 353.997 euros.
Esta obra inclúe a construción dunha nova estrutura en formigón armado e a reposición dos 70 metros de estrada danados, ademais do ancheamento da vía ata os 10 metros, dos cales 5 serán de calzada e os 5 restantes de marxes de 2,50 a cada lado.
Esta obra faise moi necesaria, dado que permitirá reabrir o camiño Costa-Roteña, de titularidade municipal, e que se atopa cortado debido ao derrube en decembro de 2012 da antedita ponte.
Por comarcas, as obras abordadas onte na Xunta de Goberno son as seguintes:
COMARCA DE PONTEVEDRA                                                    
Na comarca de Pontevedra, aprobáronse actuacións nos concellos de Ponte Caldelas, Poio e Barro.
En Ponte Caldelas adxudicáronse obras de saneamento por un  importe total de 164.036 euros.
Trátase da obra do colector de Baltar-Xustáns, na que a Deputación de Pontevedra investirá 74.496 euros e que foi adxudicada á empresa Espina y Delfín, e do colector de Taboadelo, adxudicada neste caso a Caldevergazo por un importe de 89.540 euros.
As obras consistirán na construción da rede de saneamento coa instalación de tubaxe de PVC e colocación dos pozos de rexistro necesarios. Ademais, as obras de Taboadelo requirirán do ensanche do camiño ata a depuradora e, á súa vez, realizaranse obras de saneamento.
No Concello de Barro aprobouse a licitación das obras de dotación de herba artificial ao campo de fútbol municipal, por un importe de 494.354,33 euros. Os traballos incluirán, ademais da instalación da herba sintética e da marcaxe do campo, a construción dunha grada e a nova iluminación do campo.
Así mesmo, tamén se acordou sacar a licitación os traballos de finalización e mellora da Rúa Areal, que actualmente está parcialmente urbanizada. Neste caso, as obras saen a licitación por un importe de 67.675,32 euros e incluirán a dotación de servizos (abastecemento, saneamento, electricidade…) a continuación das beirarrúas ata completalas en toda a rúa e a reparación do firme da calzada, dotándoa de novo pavimento
Ademais, aprobouse o expediente de contratación das obras de pavimentación e mellora do firme de varios camiños nos lugares de Monforte, Cotorela, Mato, Outeiro e Fonte, no concello de Poio por un importe de licitación de 114.391,67 euros. Os traballos incluirán, ademais da renovación do firme, a dotación do servizo de abastecemento de auga.
COMARCAS DE AROUSA E CALDAS
A Xunta de Goberno tamén abordou distintas actuacións nas comarcas de Arousa e Caldas, entre as que figura a adxudicación a Idelnor Proyectos, Gestión y Servicios SL dos traballos de renovación do alumeado público en varios núcleos da parroquia de San Clemente, en Caldas de Reis, por un importe de 32.670 euros.
Os traballos afectarán, concretamente, aos núcleos de Ribocias, Casaldrago e O Souto, e consistirán na subministración e colocación de novas luminarias e lámpadas, así como a adaptación dos cadros de medida, mando e protección, dos condutores de alimentación e das tomas de terra.
A maiores, aprobáronse varios expedientes de contratación, entre os que figura o correspondente ás obras de mellora do Pavillón de Castelao, en Vilagarcía de Arousa.
Estas obras saen a licitación por un importe de 144.089,73 euros e consistirán na reparación da estrutura do edificio; a apertura dunha porta de evacuación a través da galería comercial situada ao seu carón; o pintado interior do edificio; a reparación das filtracións na cuberta e a instalación de novo pavimento deportivo, ademais da limpeza da fachada.
A estes traballos súmase a licitación da segunda fase de mellora dos servizos urbanos da praza de Abraldes e das Rúas Triana e Bimbio, no Concello de Cambados.
As obras contan cun orzamento de 66.910,25 euros e o seu obxectivo é completar a urbanización e o embelecemento de todo o contorno da Praza de Fefiñáns, no que se sitúan estas rúas e prazas.
As obras incluirán a canalización de forma separada das redes de saneamento de fecais e pluviais, a renovación da rede de abastecemento, e a substitución do actual pavimento de formigón (que se atopa moi deteriorado) por  outro de lousa de pedra nas beirarrúas e de taco de granito na calzada.
En Valga, procederase á dotación de saneamento aos lugares de Vilar, Carracido, Cotriños, Bronllo e Barro, obras que a Xunta de Goberno acordou sacar a licitación por un importe total de 140.047,13 euros.
O obxectivo destes traballos e continuar completando o saneamento nos distintos núcleos do concello, eliminando os pozos negros e as fosas sépticas que actualmente dan servizo a moitas vivendas.
COMARCA DO MORRAZO
Na comarca do Morrazo, adxudicáronse obras de urbanización das rúas Retrama e Rúa Nova de Cangas á empresa CCS por un importe de 168.945 euros. Estes traballos completan os realizados no núcleo antigo de Cangas, no que a Deputación xa leva investidos un millón de euros.
As obras autorizadas incluirán a instalación de novo alumeado público, o soterramento das liñas de electricidade, gas e telefonía, e a mellora da canalización de auga e do pavimento.
Ademais, tamén se adxudicou á empresa Oresa a pavimentación do Camiño da Choupana-Darbo, por un importe de 99.022 euros, e se acordou a licitación dos traballos de pavimentación en Espiñeira e Areacova, na parroquia de Aldán.
Estes traballos contan cun importe de licitación de 137.767 euros e comprenden a limpeza e acondicionamento do terreo, o ancheamento das rúas e a dotación dunha nova capa de rodaxe.
A Xunta de Goberno tamén sacou a licitación as obras de urbanización da estrada provincial 1001, Cangas-Coiro-Magdalena, entre a Avenida de Lugo e Boubeta.
Os traballos consistirán no ancheamento da calzada, a construción de beirarrúas e a dotación de servizos e a renovación do pavimento.
Coa obra que se emprenderá, a sección transversal de todo o tramo quedará formada por dous carrís de circulación de 3 metros cada un e beirarrúas a ambas marxes de 1,80 metros, que quedará reducido a 1,50 entre o punto quilométrico 1,1oo e 1,160 para poder encaixalas entre as edificacións existentes.
COMARCA DO DEZA
A comarca do Deza foi unha das máis presentes na Xunta de Goberno desta mañá, xa que se analizaron 3 adxudicacións no concello de Silleda, 2 en Lalín.
En Silleda adxudicáronse as obras de mellora do parque infantil de Bandeira e a humanización dun treito da rúa Renque da Froita, (Silleda), nun importe de 45.153 euros, e a mellora do parque infantil situado no contorno da igrexa, por un importe de 42.600 euros. Nos dous casos, a empresa adxudicataria foi Lapsset. Nos dous casos, as obras consistirán na dotación de novo pavimento aos parques, así como na subministración e colocación de novos elementos de xogo, máis modernos e adaptados á normativa actual.
Quedou deserta, ao non presentarse ningunha empresa, a adxudicación da instalación dun elevador na Casa de Cultura de Silleda, que contaba cun orzamento de licitación de 31.182 euros.
Pola súa banda, en Lalín adxudicáronse a HPC Ibérica SA os traballos de acondicionamento e mellora de 12 parques infantís, por un importe de 28.814 euros. Os traballos consistirán na reposición dos elementos de xogo e dos pavimentos deteriorados e, nalgúns casos, na instalación de novos xogos e afectarán aos parques da rúa Areal, rúa Bispo Frei Xosé, campo da Feira, rúa Carlos Casares, casa da Xuventude, lago Pontiñas, rúa Otero Pedraio, paseo do río Pontiñas, praza da Vila, carballeira do Rodo, Regueiriño e rúa “C”.
Ademais, aprobouse o expediente de contratación das obras de dotación dun novo rego a capa de rodaxe de varios viais en Taín, Botos, Catasós e Castro, tamén no concello de Lalín, cun importe de licitación de 180.866,21 euros.
As obras van dirixidas a mellorar a pavimentación dunha quincena de pistas rurais que, co paso do tempo, perderan o rego e o árido de recubrimento e precisan dun novo tratamento que recupere o bo estado da capa de rodaxe. Ademais, en todas elas se procederá ao rozado mecánico de cunetas e noiros.
As pistas afectadas son a de Pedroso-Maceira, a pista de Alperiz pola canteira, da Igrexa de Cercio a Loucenzo, Loucenzo-estrada de Penas, Toimil-estrada de Cruces, igrexa de O Corpiño-Rivas, Baxán-Sestelo, Taín-Igrexa, Fonte de Taín-Doade, Río-local de Barcia, Rivela-Ponte Isabel, Castro-Xar e Regoufe-Moneixas, así como o acceso a Fondo da Xesta e a pista da Balagosa.
En total actuarase sobre 41.750 metros cadrados de pistas.
COMARCA DE VIGO
Na área de Vigo, adxudicáronse, licitáronse ou aprobáronse proxectos de obra en Soutomaior, Redondela, Pazos de Borbén e O Porriño.
En Soutomaior, foi adxudicada á empresa Extraco en 110.637 euros a obra de prolongación do Paseo Marítimo en Arcade, que implica o remate desta senda peonil que conectará a explanada do Peirao coa Ponte medieval que cruza o Río Verdugo.
En Pazos de Borbén adxudicouse a creación de parques infantís nas parroquias de Borbén, Moscoso e Xunqueiras, á empresa Lapsset, por un importe de 99.000 euros.
Os traballos consistirán na colocación de varios elementos de xogo, como cordas para trepar, casa de xogos multifunción; bambáns ou balancíns.
En O Porriño adxudicáronse as obras de ampliación e reforzo da estrada das Laxas, por un importe de 133.584 euros. A empresa adxudicataria foi Taboada y Ramos.
Trátase dunha estrada que rexistrou nos últimos tempos un notable incremento do tráfico, especialmente pesado, polo que é preciso reforzar o firme e ensanchala nalgúns treitos, especialmente entre a ponte da Autovía e unha empresa de madeiras situada a uns 350 metros.
Finalmente, sae a licitación a obra de mellora da estrada provincial Os Valos-Guizán, en Redondela, que conta cun orzamento total de 1.035.654,17 euros. Afectará a un treito de 1,5 quilómetros, nunha zona practicamente urbana e incluirá o ancheamento da calzada, a construción de beirarrúas e a dotación de servizos de recollida de augas pluviais, canalización do saneamento e do abastecemento de auga, así como doutros servizos como os de telecomunicacións ou subministro eléctrico.
CONDADO-PARADANTA E BAIXO MIÑO
A Xunta de Goberno tamén acordou, ademais do proxecto de reconstrución do Ponte de Casteláns, sacar a licitación as obras de  remate dos vestiarios da escola municipal de natación de Mondariz, por un importe de 110.552,58 euros. Os traballos consistirán en completar a rede de saneamento, dotación de cuberta, instalación de fontanería e aparellos sanitarios, instalación eléctrica e de iluminación, dotación dun sistema de enerxía solar térmica e carpintería interior e exterior.
Ademais, aprobouse o expediente de contratación da segunda fase das obras de saneamento integral da parroquia de Bugarín, en Ponteareas, por un importe de licitación de 115.683,69 euros. Neste caso, os traballos teñen por obxecto ampliar a actual rede de saneamento, para que teña capacidade de dar servizo a 44 vivendas novas, de forma que atenda a demanda dun total de 103 vivendas.
Para conseguilo, construirase un novo colector no sur da parroquia e as tubaxes e pozos de rexistro necesarios.
Tamén saen a licitación as obras do depósito municipal de augas de Martín, en O Rosal, cun orzamento de 112.244 euros. As obras fanse necesarias debido a estado de deterioración do depósito, que ten unha capacidade de máis de 1.600 metros cúbicos e dá servizo aos veciños de Martín.
Actualmente presenta gretas e falta de impermeabilización na cuberta, polo que se producen filtracións ao interior e danos en vigas e piares; así mesmo, presenta fisuras nas paredes exteriores e desprendemento do material de revestimento interior, ocasionándose perdas de auga e problemas de salubridade polo mal estado interno do depósito, que tamén ten deficiencias no solado.

As obras están orientadas a corrixir estes danos e mellorar o rendemento do depósito e as súas condicións de salubridade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario