O Xulgado do Social declara a
improcedencia dos despedimentos no San Xerome e condena a empresa a readmitir
as traballadoras e o traballador despedidos ou a indemnizalos
A CIG manifesta a súa satisfacción pois, como viñemos denunciando todo este tempo e recoñece a sentenza, a empresa mentiu porque as causas dos despedimentos non son as económicas
O Xulgado do Social declara a improcedencia dos
despedimentos no San Xerome Emiliani e condena á empresa a readmitir as traballadoras e o traballador
despedidos, tendo que aboarlles os salarios deixados de percibir desde abril.
De non producirse, e tal e como a CIG denunciou no seu día, a empresa está
condenada a indemnizar os traballadores con contías que van dos 16.500€ aos
67.357€, dependendo da antigüidade, indemnizacións que en conxunto superan os
138.000 €.
Cabe sinalar que,
aínda que a sentenza pode ser recorrida por ambas as partes, a súa execución é
inmediata, cinco días desde que lle sexa notificada á empresas. Por parte da
CIG-Ensino esiximos que as traballadoras e o traballador despedidos sexan
readmitidos inmediatamente.
Para
a CIG-Ensino esta sentenza é unha vitoria das traballadoras e os traballadores
do Emiliani e vén demostrar
todo o que denunciamos durante tres meses de mobilizacións ante o San Xerome:
que estes despedimentos non obedecían a causas económicas e que tiñan outra
motivación, desde o noso punto de vista a represión sindical contra catro
persoas que defenderon os seus dereitos a través dunha demanda de conflito
colectivo presentada pola CIG en 2009 e gañada xudicialmente en 2012.
A
sentenza recolle que as contas foron manipuladas intencionadamente para
xustificar estes despedimentos. Reproducimos
textualmente da sentenza: “(...) debemos tirar a conclusión de que se colocou en situación
de iliquidez precisamente en previsión da realización dos despedimentos. Esta
circunstancia abonda por si soa para declararmos a improcedencia do
despedimento.”
Recolle ademais que a
comunicación do despedimento non foi axeitada, pois non reunía toda a
información económica necesaria para que os traballadores puidesen valorar se
existían ou non problemas económicos e que se incumpriu o prazo preceptivo de
comunicación.
Desde a CIG-Ensino
entendemos que as e os socios da Asociación San Xerome, titulares do centro,
deben, á vista desta sentenza, tomar cartas no asunto e esixir explicacións á
Xunta Directiva respecto das contas do centro e da xestión do mesmo, pois ao
despedir estes traballadores deixaron desatendidos os usuarios e os privaron de
continuar coas persoas que tiñan como referencia, o que lle puido causar
prexuízos emocionais e psicolóxicos.
A CIG-Ensino quere trasladar os parabéns a Raquel, Paola, Nuria e
Moisés, aos delegados de persoal do San Xerome e, en definitiva, a todas as
persoas, traballadoras, veciñas, familiares, sindicalistas do sector de
discapacitados e doutros sectores que nos apoiaron e souberon recoñecer as
razóns das nosas demandas.
30 de xaneiro de 2014
CIG-Ensino Baixo Miño
Ningún comentario:
Publicar un comentario