Nas oficinas de Pontevedra e Vigo, ademais,
ampliarase o horario e os técnicos atenderán tamén polas tardes
ANTE A AVALANCHA DE SOLICITUDES, DUPLÍCASE O NÚMERO DE ASESORES NAS
OFICINAS DE ATENCIÓN A AFECTADOS POR PREFERENTES
· A vindeira semana comezarán as charlas informativas nos
concellos que o solicitaron, co obxectivo de que todos os afectados poidan
consultar as súas dúbidas
·
Nos primeiros días de funcionamento das oficinas
atendeuse a máis de 500 persoas e recibiuse unha media de 250 solicitudes diarias
A Deputación de Pontevedra, no marco do acordo coa Unión
de Consumidores de Galicia, vai duplicar o número de letrados que atende aos
afectados por preferentes e subordinadas nas 9 oficinas abertas noutros tanto
concellos da provincia.
Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación,
Rafael Louzán, quen salientou que se trata de que “absolutamente ninguén se
quede sen atender”.
A excelente acollida que tiveron as oficinas de
asesoramento legal a afectados pola comercialización de produtos híbridos supuxo
que neste primeiros días de funcionamento se atendese a máis de 500 persoas,
mentres que o ritmo de afluencia para solicitar cita está sendo dunhas 250
persoas diarias.
Para dar resposta a esta elevadísima demanda de
asistencia xurídica, incrementarase a partir do vindeiro martes tanto o número
de letrados como o horario de atención ao público.
Rafael Louzán incidiu en que “ante a avalancha de
peticións de asesoramento que se está producindo, 2 persoas van traballar a
partir da vindeira semana en cada unhas desas oficinas e, a maiores, en
Pontevedra e Vigo o horario de atención ampliarase ás tardes”.
25 persoas traballarán nesta rede de asesoramento que,
inicialmente, está previsto que funcione durante dous meses, pero prevese a
posibilidade de ampliala en función das necesidades.
Momento
idóneo
Louzán subliñou que a posta en marcha desta iniciativa
realizouse “no momento máis oportuno”, xa que os afectados precisan resposta e
asesoramento en relación ás quitas, ao procedemento de troco e sobre as posibilidades
de recuperar o diñeiro que teñen a partir de agora.
Toda esa información estáselle a ofrecer aos usuarios
nestas oficinas de forma individualizada e en función das peculiaridades de
cada caso.
Xornadas
informativas
A maiores, tamén na próxima semana comezaranse a impartir
as charlas informativas nos concellos da provincia que o solicitaron, co
obxectivo de achegar a máxima información posible a todos os afectados.
As charlas ofreceranse a partir das 20,00 horas e
contarán coa participación de persoal experto na comercialización de
preferentes e subordinadas, que darán resposta ás dúbidas máis frecuentes.

Ningún comentario:
Publicar un comentario