A Xunta financiará o 60% do custe total do
servizo, que ascende a 3,9 millóns de euros nos dous anos e medio de vixencia
do convenio
A DEPUTACIÓN COFINANCIARÁ CON PRETO DE 800.000 EUROS OS 7 GRUPOS DE
EMERXENCIAS DA PROVINCIA, QUE CONTRIBUIRÁN A DAR COBERTURA A TODA A POBOACIÓN
·
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente da
Deputación, Rafael Louzán, e Xosé Crespo en representación da Fegamp, asinaron
hoxe o convenio de colaboración para a súa posta en marcha
A Deputación Provincial de Pontevedra cofinanciará con 791.666,5 euros o funcionamento dos 5 novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) que entrarán en funcionamento na provincia e dos dous que se consolidan en Sanxenxo e Ponteareas, co obxectivo de completar a cobertura de protección en emerxencias e contra incendios a toda a poboación, complementando aos parques municipais, comarcais e do Consorcio Provincial de Bombeiros.
Coa entrada en funcionamento destes grupos, practicamente
o 100% dos veciños e veciñas da provincia poderán dispor dun servizo de
emerxencias en menos de 20 minutos.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente da
Deputación, Rafael Louzán, e Xosé Crespo en representación da Fegamp asinaron
hoxe o convenio de colaboración para a súa posta en marcha e para o
financiamento durante os dous anos e medio de vixencia do acordo, que remata o
31 de decembro de 2015.
Unha vez asinado o convenio, os concellos que serán sede
destes grupos supramunicipais deberán adherirse a el. A continuación, e co obxectivo de que os GES estean plenamente
operativos este mesmo verán, iniciarase o proceso de selección de persoal por
parte dos concellos sede, e a formación será impartida pola Academia Galega de
Seguridade Pública nos distintos parques de bombeiros comarcais da provincia de
Pontevedra.
Os novos grupos de emerxencias estarán compostos na súa
maioría por 12 efectivos, situados estratexicamente en 6 localidades da
provincia e que contarán cunha estrutura máis profesionalizada e de carácter
permanente. Ao ter carácter supramunicipal, estes grupos complementarán as
redes de bombeiros, tanto municipais como comarcais, nunha malla de xestión das
emerxencias ás que tamén hai que sumar Protección Civil.
O custe dos 5 novos GES e dos dous que se consolidan en
Ponteareas e Sanxenxo ascende a 1.266.666,4 euros ao ano, serán financiados nun
60% pola Xunta, nun 20% pola Deputación e o restante 20% achegarano os
concellos.
Distribución
Os sete grupos distribuiranse nas distintas áreas da
provincia, de forma que haberá un grupo de 12 persoas que prestará servizo aos
tres concellos do Val Miñor (Baiona, Nigrán e Gondomar); outro dotado do mesmo
número de persoas que terá a súa sede en A Guarda e que, ademais de a este
concello atenderá os de O Rosal, Oia e Tomiño; outro para a zona do Condado,
con sede en Ponteareas e que disporá dos recursos que xa ten nestes momentos o
grupo municipal (que se reconverte en GES) para dar cobertura a Arbo, A Cañiza,
Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves e Salvaterra de Miño.
En Ponte Caldelas instalarase un novo grupo, con 12
membros, e que dará cobertura tamén aos concellos de Cotobade, O Covelo,
Fornelos de Montes, A Lama e Soutomaior. Os concellos de Campo Lameiro,
Cerdedo, Cuntis, Forcarei e Moraña terán cobertura co GES que se situará en A Estrada
e que tamén dará servizo aos concellos coruñeses de Teo e Vedra.
O grupo de Lalín, ademais de a este concello, atenderá os
de Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Dozón. Os de Lalín e A Estrada disporán
dun total de 16 efectivos, repartidos entre os dous.
En Redondela haberá 12 efectivos que darán servizo a Mos
e Pazos de Borbén e, finalmente, os recursos xa existentes en Sanxenxo
aproveitaranse para constituír o novo grupo que atenderá a este concello e aos
de O Grove, Meaño e Poio.
O custe total para os dous anos e medio de servizo
previsto no convenio ascende a 3.958.332 euros, dos cales a Administración
Provincial achegará o 20% (791.666,5 euros), a razón de 316.666,60 euros en
2014 e 2015 e 158.333,30 euros para o que resta de 2013.

Ningún comentario:
Publicar un comentario