‘GRITO ROCK MUNDO- VIGO 2013’
FESTIVAL MUNDIAL COLABORATIVO DE ARTES INTEGRADAS
Venres 22 e sábado 23 de febreiro 2013
- GRITO ROCK MUNDO chega a súa sétima edición en 2013 nunha rede que enlaza xa 300 cidades en 30 países de catro continentes.
- Por primeira vez España súmase ó gran evento e GRITA dende VIGO a través dun completo programa de artes integradas coa música como principal protagonista.
- GRITO ROCK reivindica a cultura libre e a produción colaborativa en oposición as prácticas tradicionais na industria cultural e a agresividade do libre mercado no mundo da cultura.
- Tamén súmanse Nigrán en Galiza o 22/23 de febreiro e Madrid (celebrado o 15/16 de febreiro).
O GRITO ROCK é un festival mundial e multidisciplinar baseado na cultura libre e a produción colaborativa que forma parte dunha Rede Global de Música e Artes que crece cada vez máis e grita e defende que Outro Mundo É Posible. Este festival colaborativo naceu en Brasil en 2006 como circuíto cultural entre varias cidades para a celebración de concertos de rock e co obxectivo de posibilitar a circulación entre elas das bandas participantes. Tras o éxito daquela edición, 6 anos despois o Festival converteuse en referencia internacional pola súa metodoloxía baseada na colaboración e a autoxestión como alternativa ós modelos de produción cultural tradicionais, chegando a celebrarse en 2012 en 200 cidades de 20 países do continente americano. Ademais, xa non se circunscribe só a concertos de rock, senón que abarca toda unha serie de artes integradas a través de diferentes campañas, así como obradoiros e actividades que lle outorgan unha dimensión multidisciplinar e formativa que favorece a transmisión aberta da cultura, das expresións artísticas así como do seu modelo e tecnoloxías de produción e xestión.
O GRITO ROCK organízase en cada cidade de múltiples formas, dende o formato básico de concerto ata toda unha serie de campañas e accións que abarcan eventos en espazos públicos e privados, dende o cine ao circo pasando pola vídeo instalación ou a arte urbana, e cuxos eixos articúlanse en torno ás premisas da cultura libre. Todos os datos e axendas son compartidos para que calquera poida servirse libremente do coñecemento e tecnoloxía que o propio festival xera.
Hoxe en 2013, GRITO ROCK celébrase en 300 cidades de 30 países, e VIGO é unha das cidades deste lado do atlántico que vai GRITAR nunha Rede Global de Música e Artes. Unha rede que crece e crece como alternativa á agresividade do libre mercado controlado polos grandes selos e discográficas, e que ten como obxectivo dar visibilidade e potenciar unha nova narrativa global que rompe coas regras dea industria cultural tradicional baseada no dereito de autor e que nos di que Outro Novo Mundo é Posible.
GRITO ROCK MADRID
Datas: venres 15 (11h-22h) e sábado 16 (9h-22h) de febreiro 2013
Sedes: Tabacalera de Lavapiés, Campo de Cebada, Catharsis Espacio de Ideas, Club Ventura, Circo Carampa, La Pértiga.
GRITO ROCK VIGO e NIGRÁN
Datas: venres 22 e sábado 23 de febreiro 2013
Sedes Vigo: Alg-a, Xancarajazz, O Torreiro da Festa, Tallanumen, Cabiria bar, SerHacer
Sedes Nigrán: Casa Colorida, Ven-us, Orballo, MartolasBar
Ningún comentario:
Publicar un comentario