17 de xul. de 2012

A GUARDA


O BNG presenta unha moción na Guarda sobre a supresión do copago farmacéutico

Dende o BNG queremos outra xestión sanitaria, que non se centre en recadar das persoas enfermas senón en atendelas dignamente”

Infogauda / A Guarda
 O Bloque Nacionalista Galego ven de presentar no rexistro do concello unha moción para a supresión do copago farmacéutico ás persoas pensionistas.
A entrada en vigor do novo copago farmacéutico imposto polo Goberno do Estado do PP incorpora ao copago a máis de 725.000 pensionistas e aumenta a aportación de centos de miles de persoas activas.
As persoas obrigadas ao copago farmacéutico poideron xa comprobar desde un primeiro momento como a realidade do recorte as afectaba gravemente. De feito pensionistas con persoas que dependen da súa cartilla, teñen que soportar un duplo ou triplo tope de 8 ou 18 euros.
O BNG sinala que o Goberno galego ten competencias e capacidade para evitarlle ás persoas enfermas e pensionistas que residen en Galiza este recorte dos seus ingresos, pero o goberno do PP na Xunta toma a decisión de non facelo, para non ser un problema para Madrid, xa que prefire ser un problema para as persoas pensionistas de Galiza.
Dende o BNG queremos outra xestión sanitaria, que non se centre en recadar das persoas enfermas senón en atendelas dignamente, nunha sanidade que sexa un elemento de redistribución de riqueza e que sexa financiada suficientemente dende os impostos” afirmou Xan Lois Lomba Alonso, portavoz municipal do BNG.
O BNG advirte que o Goberno galego está a tempo de rexeitar estas medidas retrógradas e insolventes impostas polo PP dende o Goberno do estado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario