Informa: Gustavo González Rodríguez
O Festival Internacional de Cine Universidad Nacional Autónoma de México (FICUNAM) que se celebrou do 23 de febreiro ao 1 de marzo na Ciudad de México, incluíu dentro da súa competición internacional o documental galego “Vikingland”, dirixido por Xurxo Chirro. No certame mexicano, un dos máis importantes de América Latina, déronse cita nomes prestixiosos do cinema experimental como Jonas Mekas, Chantal Akerman, Peter Tscherkassky e Ben Rivers.
O director guardés estivo presente no festival celebrado na capital mexicana e participou na presentación de "Vikingland", proxectada en tres ocasións ao longo destes días, podendo así conversar e responder as dúbidas e curiosidades do público participante.
A estrea mundial de “Vikingland” tivo lugar o pasado mes de xullo no prestixioso FIDMarsella, un marco excelente para que fora visto por críticos e seleccionadores de diversos países permitíndolle unha longa andaina polo circuíto de festivais internacionais. O filme sería seleccionado na competición oficial dos festivais de Jihlava (Chequia) e Festival del Mar del Plata (Arxentina). Tivo a súa estrea española no FICXixón, e foi proxectado en Galicia por vez primeira no CINEUROPA de Santiago de Compostela.
“Vikingland” está baseado nas gravacións en vídeo que fixo Luis Lomba “O Haia”, un mariñeiro da Guarda embarcado nun transbordador que navegaba no Mar do Norte entre as illas de Rømø (Dinamarca) e Sylt (Alemaña). As imaxes, que dan conta da súa vida e a dos seus compañeiros para converterse en testemuño da emigración galega, son o punto de partida dunha proposta fílmica anovadora dentro do xénero documental.
Ningún comentario:
Publicar un comentario