26 de out. de 2011

O ROSAL

O BNG do Rosal presenta unha proposta de impulso ás políticas de prevención e tratamento da violencia de xénero

Non só non se poñen en marcha as medidas establecidas na lei, se non que se desmantelan as que viñan funcionando, como o Servizo Galego de Igualdade
Alberte Alonso Pereira, voceiro do Grupo Municipal do BNG no Rosal


Infogauda / O Rosal


O BNG do Rosal solicita que se impulse a posta en funcionamento da Lei 11/2007, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
Segundo os nacionalistas, a violencia de xénero constitúe unha vulneración dos dereitos fundamentais das mulleres. É a manifestación máis clara e brutal da desigualdade aínda existente entre mulleres e homes na nosa sociedade, o cal pon de manifesto que falta moito camiño por andar até rematar completamente coa discriminación das mulleres e acadar unha sociedade igualitaria.
Indican que o Parlamento de Galiza, no ano 2007 deu un paso moi importante ao aprobar unha lei específica que trata integralmente todo o referente á violencia de xénero.
Non obstante a día de hoxe, e a pesar das diversas peticións do BNG, o goberno do PP na Xunta, non puxo en funcionamento os instrumentos previstos na lei para a protección das vítimas de violencia de xénero. Entre as previsións pendentes de desenvolvemento está a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero ou a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral, sinalan os nacionalistas.
Engaden, que non só non se poñen en marcha as políticas destinadas á prevención, se non que estamos asistindo ao desmantelamento das poucas estruturas básicas coas que a administración galega contaba neste ámbito, baste lembrar “a disolución realizada o ano pasado do Servizo Galego de Igualdade”. Así mesmo denuncian a considerábel redución económica das partidas orzamentarias destinadas a sufragar o mantemento das medidas de prevención da violencia de xénero. .
É por iso que solicitan que o concello, inste á Xunta de Galiza a que impulse a posta en funcionamento das obrigas impostas pola Lei 11/2007 que están pendentes de desenvolvemento; e a que faga unha planificación para a realización de campañas periódicas de sensibilización contra a violencia de xénero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario