15 de maio de 2011

A GUARDA

Queremos Galego organiza un acto no Auditorio de San Bieito na Guarda este 17 de maio para reivindicar a defensa da lingua







Co lema común “Paremos os ataques contra o galego” e a lectura dun manifesto e textos de Castelao, a concentración no Baixo Miño será no Auditorio de San Bieito da Guarda ás 12h.

O propio 17 de maio tamén haberá concentracións en defensa do galego en Nova York, Madrid, Barcelona, Santa Cruz de Tenerife, Belfast ou Bos Aires


A Plataforma Cidadá Queremos Galego, que reúne máis de 700 entidades dos máis diversos ámbitos e conta con máis de 6.000 adhesións cidadás a título individual, chama a toda a sociedade a facer deste vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, “unha data para a reivindicación da nosa lingua propia” na que visualizar que o galego é “unha lingua viva e con futuro” e non simplemente “unha peza de museo” ou unha “cultura en lata” á que homenaxear “unha soa vez no ano”.

Nesta ocasión a plataforma cidadá non convoca unha manifestación de carácter nacional en Santiago de Compostela, senón unha “mobilización expansiva” consistente en concentracións simultáneas ás 12 da mañá no maior número de localidades posíbeis. Trátase, segundo explica a plataforma, de “facer chegar a maré expansiva en defensa da lingua a todos os lugares do país” e, ao mesmo tempo, en plena campaña electoral dos comicios municipais, de reivindicar “os concellos como instrumentos esenciais no proceso de normalización da lingua” nas diferentes administracións.

So o lema xenérico “Paremos os ataques contra o galego”, terán lugar no país e en diferentes puntos do exterior cunha importante presenza da emigración galega máis de medio cento de concentracións e actos reivindicativos nos que se lerán textos de Daniel Castelao alusivos á reivindicación da lingua galega e un manifesto común no que se denuncian os “retrocesos” vividos na política lingüística en Galiza desde que Alberto Núñez Feijóo é presidente da Xunta e o “preocupante grao de desprotección” no que se encontran as diferentes expresións e iniciativas da cultura galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario