RAFAEL LOUZÁN PROPÓN CREAR UN FORO NO QUE PARTICIPEN TODAS AS ADMINISTRACIÓNS PARA SOLVENTAR OS PROBLEMAS MEDIOAMBIENTAIS DO SECTOR NÁUTICO DA PROVINCIA
Mantivo un encontro con representantes de 23 portos da provincia para presentarlles as conclusións dun informe medioambiental do programa Nea 2
Infogauda / Pontevedra
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, reuniuse esta mañá con representantes de 23 dos 26 portos deportivos existentes na provincia de Pontevedra. O encontro enmarcouse dentro da presentación das conclusións do Proxecto Nea-2, no apartado de contaminación producida nos portos. Na xuntanza Rafael Louzán propuxo crear un foro no que participen os representantes do sector, Portos de Galicia, as Autoridades Portuarias, representantes dos 26 concellos e a Deputación para poñer en marcha medidas que reduzan o impacto medioambiental e beneficien o turismo e os sectores produtivos relacionados coa pesca. Esta mañá, no Pazo Provincial, o presidente da Deputación reuniuse cos representantes de 23 portos deportivos que lle trasladaron a Rafael Louzán algún dos problemas medioambientais que lles afectan. Entre as cuestións solicitadas figuran a necesidade de habilitar lugares para rascar e pintar os barcos de xeito que a pintura non se verta ao mar, a necesidade de implementar infraestruturas de recollida do fuel ou das sentinas para que sexan tratados, etc. Rafael Louzán lembrou que “estamos atravesando momentos economicamente moi complicados e todo o que se faga terá que te a colaboración de moitas administracións e institucións para poder sacar calquera medida adiante. Por outro lado, haberá que analizar cal destas medidas é prioritaria para que os recursos público sexan ben utilizados”. O estudo presentado hoxe está elaborado con cargo a Fondos FEDER e enmárcanse dentro dun proxecto europeo máis amplo que inclúe varias iniciativas sobre a náutica no aspecto da dinamización económica, da creación de postos de emprego de carácter social (personas con discapacidade) e unha análise medioambiental. No informe de conclusións do informe Nea 2 sobre a contaminación nos portos da provincia obsérvanse algunhas deficiencias como que hai só 15 portos que dispoñen dun dispositivo de recollida de augas de sentina e residuais para embarcacións ou que só en 11 dos 23 portos existen contedores para recollida selectiva orgánica, de plásticos, papel, vido e latas. Entre as recomendacións inclúese mellorar a sensibilización dos usuarios dos portos , editar materiais gráficos que recollan as boas prácticas ambientais, elaborar un sistema de xestión ambiental propio nos 16 portos que carecen del ou mellorar o servizo de contedores para incrementar a recollida selectiva do lixo. Rafael Louzán enfatizou na necesidade de mellorar a concienciación dos usuarios dos máis de 6.400 prazas de amarre existentes en Galicia. “É moi importante que todos os implicados nos reunamos para poñer en marcha medidas que contribúan a mellorar o noso contorno”, explica Rafael Louzán. PRINCIPAIS CONCLUSIÓNS DO ESTUDO NEA 2 1) Só 4 dos 23 portos examinados teñen un sistema de retención de augas e residuos perigosos nos peiraos. 2) Dos 23 portos só 10 contan cun kit anticontaminación ante posibles vertidos. 3) Só 10 dos 23 portos examinados teñen contedores de recollida de residuos perigosos. 4) Dos 23 portos só 15 dispoñen dun dispositivo de recollida de augas de sentina e augas residuais para as embarcacións. 5) Só en 11 dos 23 portos existen contedores para recollida selectiva: orgánico, plástico, papel, vidro, latas. Outras recomendacións: 6) So 8 dos 23 portos teñen contadores compartimentados o cal permitiría controlar o consumo de enerxía. 7) Recoméndase elaborar un panel informativo ambiental (recomendacións enerxéticas, instrucións para non contaminar, etc.) 8) Informar aos usuarios sobre os espazos ambientais protexidos próximos. 9) Edición de materiais gráficos que recollan boas prácticas ambientais. 10)Elaborar un sistema de xestión ambiental propio nos 16 portos que carecen dun sistema de xestión formal ou informal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario