24 de abr. de 2011

O ROSAL

O BNG do Rosal denuncia a falta de ética e de respecto do PP a lei electoral vixente

Alberte Alonso Pereira
Responsábel Local do BNG e candidato á alcaldía



Alberte Alonso aposta por unha “campaña limpa” e pídelle ao PP que deixe de “instrumentalizar as institucións para usos partidarios”.

O Bloque Nacionalista Galego do Rosal denuncia a falta de ética do PP e tamén, a falta de respecto da Lei Electoral vixente pola colocación de dous valados publicitarios dunha obra da Deputación.

“Segundo a lexislación electoral vixente, e máis concretamente a Instrución 2/2011 da Xunta Electoral Central, prohíbese expresamente a realización de campañas publicitarias das administracións que conteñan alusións a realizacións de obras ou logros obtidos, dende a convocatoria das eleccións ata a celebración das mesmas”, indica o candidato nacionalista. Engade así mesmo, que xa existen resolucións de Xuntas Electorais sobre casos similares, onde indican que este tipo de campañas pódense realizar despois do período electoral, toda vez que nin sequera se fai referencia a data de inicio e finalización das obras.

Os valados publicitarios obxecto da denuncia diante da Xunta Electoral de Tui, fan referencia a unha obra que precisamente propuxeron os nacionalistas: a mellora da seguridade no cruce de Couselo, mediante a construción dunha rotonda. Os valados colocáronse nesta semana, e polo tanto con posterioridade a convocatoria das eleccións municipais. Son dous carteis onde se observa a denominación da obra “Rotonda, ensanche e mellora da seguridade viaria na E.P. 3302 Tabagón – Rosal – Portecelo”, nos que aparecen ademais a empresa adxudicataria da obra, orzamento e os logotipos da propia Deputación e do concello do Rosal. A obra que foi adxudicada o pasado mes de febreiro pola Deputación Provincial de Pontevedra.

O candidato nacionalista, Alberte Alonso, solicita unha “campaña limpa” por parte das diferentes forzas políticas, e pídelle ao PP que deixe de instrumentalizar as institucións para usos partidarios.

Para Alberte Alonso, esta actuación do PP “é unha falta de respecto pola lexislación vixente e falta de ética política”. Indica tamén que pon de manifesto a preocupación do PP polos resultados electorais da Deputación, toda vez que no partido xudicial de Tui dispútase un deputado máis, que o nacionalista asegura será para o BNG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario