O BNG na Guarda demanda que se eliminen as barreiras arquitectónicas na rúa Baixo Muro
É responsabilidade do Concello garantir o acceso das persoas a servizos tan básicos como a asistencia sanitaria
Infogauda / A Guarda
O Bloque Nacionalista Galego ven de presentar un escrito no Concello da Guarda reclamando que se tomen as medidas oportunas para solucionar esta situación que están padecendo as veciñas e veciños. Os veciños e veciñas da rúa Baixo Muro veñen manifestando o seu malestar pola falla de acceso axeitado para casos de mobilidade reducida. Representantes do BNG visitaron a devandita rúa para coñecer de primeira man o problema destes veciños/as. A existencia de escaleiras en todas as saídas da rúa imposibilita o acceso en cadeira de rodas e por suposto en calquera tipo de vehículo. Esta circunstancia impide as persoas residentes con problemas de mobilidade desprazárense por si mesmas fora da súa rúa. A situación resulta se cabe máis dramática en caso de precisaren asistencia médica. Dado que a unha ambulancia lle resulta imposíbel acceder á rúa o único xeito de trasladar a un/unha doente é mediante unha cadeira de rodas. A dificultade e perigo de transportar a unha persoa en cadeira de rodas a través dunhas escaleiras resulta evidente. “É preciso coidar do benestar de todas as veciñas e veciños e procurarmos que zonas como as do Baixo Muro se vexan despoboadas no futuro por mor da falla de servizos básicos.” comentou Xan Lois Lomba,portavoz municipal do BNG na Guarda. Dende o BNG manifestan que resulta indispensábel e urxente tomar as medidas necesarias para a eliminación de barreiras arquitectónicas na rúa Baixo Muro. É responsabilidade do Concello garantir o acceso das persoas a servizos tan básicos como a asistencia sanitaria.

Ningún comentario:
Publicar un comentario