22 de mar. de 2011

PONTEVEDRA

Co 100% dos cabezas de lista designados, o PP Provincial de Pontevedra aspira a superar as 45 alcaldías
Beatriz Rosendo será a candidata popular de Vilaboa e Moisés Rodríguez o cabeza de lista do PP en Tui
· A idade media dos candidatos populares é de 46 anos.

· “Se fora do PSOE diría que se ía conseguir un deputado máis no partido xudicial de Cambados, ou os tres de Tui, pero eu pertenzo a un partido que non se caracteriza por supoñerlle un engano masivo aos cidadáns”.

O presidente provincial do PP de Pontevedra, Rafael Louzán, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta dos acordos mantidos onte no Comité Electoral Provincial no que se acordou ratificar a Beatriz Rosendo como cabeza de lista do concello de Vilaboa e a Moisés Rodríguez como candidato popular para optar á alcaldía de Tui.
A xusto 2 meses de que se celebren as eleccións municipais de maio, o PP Provincial pecha desta maneira, o 100% dos cabeza de lista cos que o PP opta a revalidar todas as alcaldías que o PP ten na actualidade e a recuperar moitas das que hoxe están en mans doutros partidos.
O líder dos populares asegura que o PP chega ás municipais de 2011 nunha moi boa situación por varias razóns fundamentais; a primeira que na actualidade o Partido Popular é a forza maioritaria en 45 concellos, e goberna en 33, ademais disto, o PP reforzo todas as agrupacións locais apostando pola renovación, unindo a todo o centro dereita en diversos concellos e integrando no Partido Popular a varios grupos independentes aos que sempre estiveron unidos por programas e ideas. Louzán destacou ademais a confianza que o PP xera na actualidade, pois é , segundo el, a única forza capaz de ofrecerlle aos cidadáns o que se precisa nestes momentos: seriedade, rigor, planificación e confianza.
O presidente dos populares indicou ademais que a franxa de idade máis frecuente nos candidatos populares é a corentena, pois a media de idade sitúase nos 46 anos.
DEPUTADOS PROVINCIAIS
A preguntas dos xornalistas en canto ás expectativas do PP en relación á Deputación de Pontevedra, Louzán sinalou que dos 14 deputados que se elixen na provincia, o PP está en condicións de subir entre 3 e 4 deputados.
O líder dos populares desglosou os datos sinalando que no partido xudicial de Tui vaise elixir a partir de agora un deputados máis dos dous que xa hai, e “todo indica que ese terceiro será para o PP, porque a unión do centro dereita e Tomiño e o Porriño.
No Partido Xudicial de Vigo o partido Popular está a 300 votos do sexto deputado, dos 11 que se elixen, dado que todo indica que se van mellorar resultados en concellos como Baiona ou Vigo, no que o PP espera conseguir unha maioría absoluta.
No Partido Xudicial de Pontevedra tamén habería a posiblidade de conseguir un cuarto deputado a maiores dos que actualmente posúe o PP.
Louzán subliñou ademais que “o PSOE supuxo durante estes anos un engano masivo aos cidadáns, o que supuxo a perda total da súa credibilidade por dicir cousas como que a moción de censura de Silleda se fixo para garantizar a Deputación, cando todo o mundo sabe que o PP goberna en todos os concellos da comarca do Deza excepto en Rodeiro e Silleda, polo que non resulta crible que o puidera perder”.
Louzán conluiu dicindo que “se fora do PSOE diría que se ía conseguir un deputado máis no partido xudicial de Cambados, ou os tres de Tui, pero eu pertenzo a un partido que non se caracteriza por supoñerlle un engano masivo aos cidadáns”.Con estas premisas o líder dos populares ten o convencemento pleno de que 2011 vai ser unha “data histórica” para o PP provincial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario