30 de mar. de 2011

OPINIÓN


CULTURACTIVA, FESTICLOWN, PALLASOS EN REBELDÍA

Comunicado conxunto de apoio a Leo Bassi e á liberdade de expresión








Os ditos colectivos galegos asinan este comunicado conxunto e amosan o seu total apoio ao grande artista e cómico Leo Bassi, ao tempo que critican a querela interposta recentemente por avogados ultracatólicos contra Bassi e o reitor da Universidad de Valladolid (UVA), xa que a ven coma un “ataque directo á liberdade de expresión”, dereito fundamental de todas e todos os cidadáns. O Xulgado de Instrución número 6 de Valladolid vén de admitir a trámite a querela contra o reitor da Universidade vallisoletana, Marcos Sancristán, e o actor Leo Bassi por “delitos contra os sentimentos relixiosos, inxurias e calumnias”, presuntamente cometidos en outubro de 2010 cando Bassi representou, previo acordo co centro educativo, unha parodia de Juan Pablo II e consagrou preservativos que distribuíu no paraninfo da UVA.Presentada por unha asociación de avogados ultracatólicos e unha plataforma da mesma ideoloxía, a querela cita como testemuñas a profesores e alumnos que previamente “alertaron” o reitorado de que no espectáculo "poderían cometerse delitos perfectamente tipificados no código penal". A xuíza, que observa indicios de delito “no caso do actor en grao de complicidade”, decretou a apertura de dilixencias e ordenou á policía xudicial que pescude o domicilio de Leo Bassi. Para o Festiclown, Culturactiva e Pallasos en Rebeldía, este feito é “máis propio dunha sociedade dictatorial que dun Estado democrático” no que a liberdade de expresión é un dereito que atinxe ao conxunto da cidadanía. Coa “connivencia” do sistema xudicial, os denunciantes escúdanse nun baleiro como é o dos sentimentos relixiosos para “atacar” directamente a quen lles molesta, Leo Bassi. O grande cómico vese, de novo, atrapado por unhas redes que se “botan sempre enriba dos mesmos”, dos que falan sen trabas da sociedade, dos que a critican, dos que poñen en cuestión os alicerces dun sistema social anquilosado no terror e no recorte de liberdades e que os denunciantes defenden con uñas e dentes, afirman os colectivos asinantes deste comunicado. As ditas entidades aplauden, unha vez máis, a valentía de Leo Bassi e tamén do reitor da UVA quen, consciente do voo dos “máis carroñeiros”, aprobou e programou o espectáculo. O teatro ten que poder ser teatro, ten que poder criticar, como manifestación cultural que é, a sociedade que o produce e á que vai destinado, ou é que agora non se pode falar?

Ningún comentario:

Publicar un comentario