SULA REPANI INAUGURA O XOVES NO CENTRO CULTURAL

A pintora de orixe grego, Sula Repani, inaugura o xoves, día 3 de febreiro, a súa exposición “Deixándose ir”, no Centro Cultural da Deputación, a partir das 20:15 horas.
O tamén pintor e escritor Manolo Figueiras analiza a pintura de Sula Repani no seguinte artigo, incluído no catálogo da mostra.
A paisaxe interior
Manolo Figueiras
A arte é unha combinación de experiencia e misterio. A destreza, o oficio, son sempre necesarios, como tamén o é coñecer a historia e as tradicións nas que se asentan. Mais o que finalmente marca a diferencia e a importancia dun artista é o misterio; o potencial de misterio humano que a súa obra pode condensar e transmitir.
Sula Repani pinta desde dentro, desde o misterio do ser, da vida e da materia que xa movía o pensamento dos primeiros filósofos. A súa pintura xurde dun compromiso coa realidade conformada pola mestura de vida, azar e tempo. Na polifonía plástica de ritmos, liñas, xestos e tons cobra corpo un ámbito orixinal que non ten a súa orixe no coñecemento directo, senón nun remoto limiar ubicado case nos primeiros días do mundo, no derradeiro cerco da lembranza, ali onde habita a infinda memoria das cousas descoñecidas e que só se nos revela na infancia, no sono ou no delirio, territorios todos tres onde tantos artistas decidiron construír a súa casa.
Con todo, para Sula o máis importante é a autenticidade. Ela sabe que para chegar á verdadeira esencia das cousas hai que profundar máis alá da capa superficial de crenzas e valores cos que temos configurado o disfraz da nosa personalidade. Sabe que a palabra “persoa” en grego significa “máscara”. De aí que namentras non descubramos quen somos, non podemos atopar o sentido real do mundo. Tamén sabe que o uso de elementos simbólicos e mitolóxicos non pode ser unha mera referencia temática nin un traspaso de experiencias alleas, senón que ten que ser vital e intrasferible. En realidade, o símbolo é unha das claves significativas na súa pintura onde, en certo modo, todo é símbolo: as augas e as nubes que surcan paisaxes xurdidas do sentimento; as árbores impregnadas de negra sombra; os obxectos que se manifestan como testemuñas evocadoras; as figuras, xa sexan personaxes que simplemente están aí, sembradores cruzando os campos, un can (curmán daquel de Goya) que pasa, ciclistas anxelicais ou enigmáticas presenzas figurativas que nacen dun magma abstracto.
Incluso a cor, case sempre ponderada, afirma a súa dimensión simbólica na difícil vontade de equilibrio, mesura e harmonía que fan que na obra de Sula Repani aflore a rica tradición artística presente nos seus anos de formación, desde a práctica muralística ata a pintura de iconos, nas que tanta importancia ten a correcta aplicación dos materiais como a adecuada interrelación entre as sucesivas capas pictóricas. Lembro os primeiros cadros seus que vin, caracterizados por este primor técnico e pola serenidade das imaxes que en min evocaban ás atmósferas de Piero della Francesca.. Había e segue a haber algo íntimo, persoal, nesta pintura e no seu especial acento poético onde a Natureza aparece en todo o seu sosego espiritual. Esta calma que impregna a súa pintura transmite un clima de sensitiva soidade que atrae e impresiona ao tempo.
Técnicamente, a artista continúa preferindo os tons silenciosos e recollidos, tan próximos á intencionalidade profunda da súa obra, namentras que, tematicamente, e malia a súa vontade figurativa, a pintura de Sula desbota os elementos accidentais da Natureza, sen renunciar ao ton descritivo, mais cun vigor que lembra a esquemática precisión de certa arte abstracta. Ultimamente, sen embargo, por tras das formas plácidas e sinxelas, que sempre caracterizaron a sua obra, asoma un trasmundo pleno de emotividade. Moitos dos seus cadros semellan adoptar a forma lírica da elexía. Pervive o ton clásico pero, como lle acontece aos pastores da Arcadia no célebre cadro de Poussin, o drama fai acto de pesencia cando descubren a inscrición turbadora: Et in Arcadia ego.
A Arcadia é unha parte de Grecia pero para nós é ese mundo ideal que, como ben sabemos, pode estar en calquera parte: no Atlántico tempestuoso ou no azul Mediterráneo, en Tamallancos, en Atenas... A Arcadia levámola dentro de nós, por iso as paisaxes arcádicas son sempre olladas introspectivas, visións da alma nas que só queda a esencia do mundo, a paisaxe interior. E queda, en consecuencia, a fidelidade. Fidelidade á propia vida, fidelidade a unha época, fidelidade a uns valores aceptados como constituíntes dun arte que, ao longo da contemporaneidade, rebule nun permanente autocuestionamento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario