4 de set. de 2010

A ESTRADA

DEMOCRATIZANDO A CULTURA

Pecha o Carpactiva Verán cunha valoración “máis que positiva”


Jéssica Beiroa / A Estrada

Así o resumía Francisco Rei, membro da compañía “Os Sete Magníficos Máis Un”, que participou como actor e xestor desta programación de clown e novo circo nas parroquias da Estrada. O artista galego destacou, ademais, que esa valoración engloba tanto o público como as propostas artísticas que se presentaron na dita programación.

Paradela, Somoza, Remesar, Frades, Cereixo, Olives, Codeseda foron as parroquias que acolleron as actuacións do Carpactiva Verán. Finalmente, Rubín non puido contar coa actuación prevista a causa da chuvia.

Para Fran Rei, o clown e o novo circo funcionan ben no rural “debido a que son propostas escénicas sinxelas e directas”, axeitadas para un público familiar e que non ten oportunidade de gozar de actuacións en directo debido á dispersión poboacional que caracteriza o Concello da Estrada.

Cunha media de 80 persoas por actuación -cabe lembrar que estas poboacións contan con poucos habitantes- o dato de asistencia é tamén moi ben valorado polo integrante da única compañía galega estable de clown. Deste xeito, Francisco Rei indica que en varias das actuacións a pista quedou pequena para acoller o público e que varios asistentes tiveron que situarse ao redor da mesma para veren os espectáculos.




Que é o Carpactiva



Carpactiva Verán é parte dun proxecto cultural transformador que naceu coa idea de revertir os modos habituais de consumo cultural, achegando a vilas e parroquias do rural galego, máis concretamente á súa poboación, unha programación en torno ao Novo Circo que se está a facer en Galicia dende hai varios anos.
O Carpactiva Verán recrea un espazo circense no que se suceden varias actuacións para un público moi cercano. O Carpactiva Verán achégase a case calquera núcleo rural, proba delo foi a 1ª experiencia na vila da Estrada, onde entre decembro de 2008 e xaneiro e agosto de 2009 o Carpactiva Inverno (celebrado nunha carpa de circo itinerante) percorreu ata 18 parroquias onde acadou un éxito absoluto, desafiando con éxito ao frío e incluso á neve. Quen promove e xestiona o CarpactivaEste proxecto está organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Estrada e xestionado por Culturactiva SCG.

Pola súa banda, Coper@ctiva Cultural – Cultur@ctiva SCG, con sede en Compostela, naceu no ano 2001 co obxecto de potenciar un modelo de xestión cultural que colocase a persoa no centro de toda actividade, interpretando a cultura como unha ferramenta de desenvolvemento humano, social e económico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario