21 de ago. de 2010

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN APROBA UNHA NOVA EDICIÓN DO PROGRAMA DE DINAMIZACIÓN COMERCIAL “MERCA NA RÚA”

Terá lugar en 10 vilas da provincia en cada unha das cales se organizarán diferentes actividades de interacción co público e se sortearán vales de compra de 3.000 euros para gastar nos comercios locais



Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra, reunida o pasado mércores en Xunta de Goberno, aprobou poñer en marcha novamente o programa “Merca na rúa”. Esta actividade de dinamización comercial e posta en valor do comercio, comezouse a organizar no ano 2009, alcanzando un éxito sen precedentes.

O obxectivo deste programa é difundir os valores dunha profesión tan importante e tradicional como é o pequeno comercio, así como dar a coñecer súa contribución á dinamización das nosas vilas. “Merca na Rúa” pretende impulsar e fortalecer o sector e incentivar o consumo poñendo en marcha unha serie de actividades enfocadas a facer que os clientes recoñezan o centro comercial das vilas como unha zona de ocio. Terá lugar en 10 vilas da provincia, en cada unha das cales se sortearán 3.000 euros en vales de compra para mercar no comercio local.

O investimento destinado a este programa no seu primeiro ano de vida foi de 55.000 euros. En 2010, e tralo éxito acadado na anterior edición e tendo en conta boa aceptación por parte das persoas que tomaron parte nas actividades e as asociacións de comerciantes dos concellos anfitrións, o orzamento inicial ascende a preto de 125.000 euros.


Obxectivos concretos
- Animar as rúas comerciais das vilas, dar a coñecer o comercio local e fomentar o asociacionismo entre os comerciantes.
- Fomentar as ventas no comercio local.
- Mellorar a imaxe do espazo comercial e dos establecementos que o forman.
- Ofrecer aos pais un espazo lúdico onde os seus cativos poidan divertirse mentres eles mercan no comercio local.

Antecedentes
No ano 2009, con motivo desta actividade, realizáronse obradoiros creativos en O Grove, Ponteareas, Gondomar, Pontecaldelas, A Estrada, nos que os rapaces fabricaban os seus propios produtos que despois transladaban a un comercio ficticio (“A tenda do neno”) para a súa posterior venta ou troco. Cando os nenos conseguían vender ou trocar algo, obtiñan un agasallo ou bonificación que lles permitía acceder á Área de Lecer, na que había obradoiros lúdico-comerciais, como talleres de reciclaxe, téxtil, creatividade e expresión plástica, maquillaxe, pulseiras con fío e abelorios, etc.

Ningún comentario:

Publicar un comentario