21 de xul. de 2010

A GUARDA

A PINTORA GEMMA MARQUÉS EXPORÁ SÚA OBRA MÁIS RECENTE NO PORTO DE A GUARDA


A pintora Gemma Marqués diante de dous dos seus cadros

Infogauda / A Guarda

A pintora Gemma Marqués exporá súas obras máis recentes no porto de A Guarda. A exposición será inaugurada o vindeiro sábado día 24 de xullo, ás 11.00 h. e poderase visitar ó longo das Festas do Monte Santa Trega.
Nesa mostra, Gemma Marqués amosaranos súa personalísima homenaxe ás mulleres e homes do mar de A Guarda, a traverso dunha visión etnógráfica das embarcacións pesqueiras - coa gamela como referente dunha ancestral tradición da navegación a remo e a vela - e dos trebellos - nasas, redes, maromas, ... - que os pescadores guardeses empregan na súa labor cotiá.
A sensibilidade artística de Gemma Marqués tamén quedará de manifesto nos cadros onde as vivendas de pescadores, os sulagos nas augas da badía, os rochedos de A Fontiña, o espigón do Balueiro e o contradique de Punta Xenete,..., coa súas peculiares policromías, destacan como un microcosmos náutico sen parangón posible. Único.
Dese xeito Gemma Marqués agasállanos coa súa particular ollada, felizmente representada nos seus cadros de técnicas mixtas (acrílico, óleo, pan de ouro, pan de prata,...) sobre táboa e sobre lenzo.
A mostra de Gemma Marqués será unha verdadeira regalía de beleza e de coores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario