A DEPUTACIÓN HONRA A PURA E DORA VÁZQUEZ
Infogauda / Ourense
O profesor e escritor Xoán Babarro González e a ilustradora Nuria Díaz recibiron hoxe o premio “Pura e Dora Vázquez de Narración e Ilustración Infantil e Xuvenil”, respectivamente, polos seus traballos presentados ao certame que organiza a Deputación provincial de Ourense e que este ano acadou a súa sétima edición.
O premio de narración, do que é autor Xoán Babarro, titúlase “Palabra era un universo paralelo”, e está dotado con 3.000 euros e placa conmemorativa. O xurado tivo en conta á hora de decantarse por esta obra “a gran calidade artística e literaria e a perfecta concordancia plástica e argumental do texto. Un texto que o xurado definiu como un conto informático no mundo das letras, que vai gañando intensidade segundo avanza a historia”, segundo destacou no acto o secretario do xurado, Francisco González.Babarro dixo que este premio “afianza as miñas raíces ourensáns, e supón para min unha distinción cunha fonda carga afectiva pola excelente relación intelectual que sempre mantiven coas irmás Pura e Dora Vázquez”. O autor agradeceu á Deputación de Ourense e ao Centro Cultural “o traballo que realizan a prol do galego e o labor que fan colaborando a manter viva e latexante esa que foi a Atenas de Galicia”.Pola súa banda o premio de ilustración, dotado igualmente con 3.000 euros e placa conmemorativa, foi para a xove ilustradora Nuria Díaz, quen agreadeceu o galardón afirmando que supón “un gran paso adiante para a súa carreira profesional, pero tamén para reivindicar o papel que os ilustradores xogamos no eido editorial”. Asemade, dixo que a obra de Xoán Babarro “é a que calquera ilustrador desexaría porque está chea de propostas creativas que suxiren un universo moi atractivo para ilustrar”.O acto pechouno o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, quen felicitou aos premiados e destacou ás escritoras que dan nome ao certame. “Todos sabemos da xenerosidade de Pura e Dora Vázquez para con esta Deputación –á que doaron a súa biblioteca- e tamén sabemos da súa xenerosidade con Ourense e coa nosa cultura. Durante moitos anos foron un referente vivo para todos nós e por iso a Deputación decidíu no seu día crear este premio para honrar en vida o seu traballo e a súa actitude”.Baltar engadiu que Pura e Dora Vázquez “foron pioneiras en escribir para os máis cativos, en escribirlles en galego e en darnos multitude de exemplos coa súa calidade literaria. Elas son un símbolo de Ourense e da nosa ourensanía”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario