A DEPUTACIÓN FINANCIA CON 40.000 EUROS OS CURSOS DE VERÁN DO CAMPUS DE OURENSE

É a maior oferta formativa estival da Universidade de Vigo, e este ano desenvolverase nos concellos de Ourense, Celanova, Bande, Xinzo e Muíños.
Infogauda / Ourense
A Deputación provincial de Ourense financia este ano con 40.000 euros os cursos de verán da Universidad de Vigo no Cam pus de Ourense, que se desenvolverán entre os meses de xuño e novembro nos concellos de Ourense, Celanova, Bande, Xinzo de Limia e Muíños. Esta é a maoir oferta formativa estival da Universidade de Vigo e unha das máis importantes de cantas se fan nos meses de verán en Galicia.
Trátase, segundo explicou o vicerreitor do Campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez, dun programa formativo que inclúe 14 cursos –dous máis que o ano pasado- “que ten un custe de 67.000 euros, dos cales a maior achega corresponde á Deputación de Ourense, sen a cal sería imposible levar a cabo esta importante acción formativa”.
Gálvez, quen aproveitou esta presentación para despedirse publicamente trala súa etapa de catro anos no cargo, dixo que a relación de colaboración permanente “que mantivemos coa Deputación de Ourense foi sempre cordial e efectiva, polo ben do noso Campus e dos nosos estudantes. Non me queda máis que darlle ás grazas á institución provincial e ao seu presidente por todo o que a Deputación fixo en favor da universidade nestes catro anos”.
No acto participou tamén José Luis Baltar, presidente da Deputación de Ourense, quen destacou que con Gálvez “o Campus de Ourense vivíu unha das mellores e máis dinámicas etapas, e no que atinxe á relación coa Deputación foi especialmente prolífica en convenios, cursos e diferentes proxectos, cos que nós colaboramos, porque temos que seguir apostando pola mellor industria que temos na nosa provincia: a universidade”. Baltar brindouse a seguir mantendo esta liña de colaboración co Campus “e mellorala todo o que sexa posible”, e así llo dixo a María Lameiras, vicerreitora electa, presente tamén no acto.
Pola súa banda, o xerente da Fundación Carlos Casares, Gustavo Garrido, falou do curso de cine e TV que terá lugar en Celanova os días 7, 8 e 9 de xullo, baixo a dirección de Miguel Anxo Fernández. O obxectivo do curso é reflexionar sobre as sempre conflictivas relacións entre cine e televisión. Neste senso, o alcalde de Celanova, Antonio Mouriño, dixo que a vila de San Rosendo acolle con agrado esta actividade formativa “porque o cine esta acadando especial protagonismo en Celanova coa recente rodaxe dunha película e outras actividades que se teñen desenvolvido na nosa vila nos últimos meses”.
Finalmente, Gálvez agradeceu o traballo que están a levar a cabo os directores dos diferentes cursos, un dos cales, José Antonio Fidalgo Santamariña -que dirixe o curso sobre o entroido- estivo hoxe presente no acto. A temática das accións formativas son tan variadas coma interesantes: dereito, etnografía, fiscalidade, arqueoloxía, cata de viños, seguridade informática, Internet e negocio, innovación e emprendedores, educación ambiental, redes sociais e impacto económico-turístico dos eventos deportivos, son os temas que inclúe o programa dos cursos.
O custe dos cursos vai dende os 15 € ata os 90 €, dependendo do tipo de acción formativa e de se o alumno pertence á Universidade de Vigo ou non. Nalgúns casos o desprazamento, manutención e aloxamento son gratuítos. Toda a información sobre os cursos pode consultarse na web: http://vicou.uvigo.es, o solicitar información no Campus de Ourense.
Ningún comentario:
Publicar un comentario